Axentes empresariais e do ámbito académico mostran en Ciencias da Comunicación a súa visión sobre o emprendemento nas industrias culturais
Ciencias da Comunicación abre as súas portas este mércores ao debate sobre o emprendemento nas industrias culturais no transcurso dunhas xornadas que, en colaboración coas tres universidades galegas, organizan a Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e a Dirección Xeral de Promoción do Emprego. O obxectivo é dar a coñecer e poñer en valor no eido universitario o emprendemento vinculado ás industrias culturais e ao sector do turismo. A xornada inaugúraa este mércores 25 ás 9.30 horas a directora xeral de Promoción do Emprego da Consellería de Traballo e Benestar, Mª Amparo González Méndez, e o decano da Facultade de Ciencias da Comunicación e coordinador académico do encontro para a USC, Xosé Pereira Fariña. Segundo os promotores do encontro, a industria cultural está a ser un dos sectores que mellor resiste a crise económica e tense configurado como un eido con gran capacidade xeradora de emprego e cunha notable proxección en Galicia. Por tanto, constitúe unha importante opción de cara ao futuro laboral dos novos titulados e tituladas, sobre todo en eidos converxentes con este sector como a comunicación, o turismo ou a administración de empresas, engaden os organizadores. Nas xornadas ofrecerase información, asesoramento e ferramentas formativas sobre estes sectores aos titulados/as e estudantes de titulacións relacionadas de xeito directo ou transversal coa industria cultural e creativa e co sector turístico, tanto do ámbito institucional como empresarial. Nas diferentes sesións de traballo, as persoas que asistan poderán coñecer da man de expertos na materia e empresarios do sector as particularidades dos eidos máis destacados desta industria, así como as fortalezas, as debilidades, os obstáculos e as oportunidades de negocio que existen á hora de levar a cabo un proxecto de emprendemento. Tamén recibirán información práctica de carácter xurídico e económico relacionada con axudas dispoñibles, créditos, tramitacións e demais cuestións burocráticas relacionadas coa posta en marcha dun plan empresarial. Esta sesión está deseñada dun xeito práctico, polo que se poderá xerar a interacción entre relatores e asistentes, establecendo debates e quendas de preguntas, así como unha mesa redonda ao final de cada encontro para realizar unha posta en común e resumir as conclusións principais sobre a situación actual do emprendemento no eido das industrias culturais. O encontro concentrarase na mañá do mércores con varias sesións de traballo temáticas, que comezarán cunha conferencia inaugural e proseguirán cunha serie de ‘conversas’ con membros destacados do sector das industrias culturais así como novos emprendedores, fundamentalmente pertencentes ás industrias musical e audiovisual, que son as que presentan maior volume de negocio e visibilidade en Galicia. Como relatores dos encontros participarán o profesor da Universitat de Valencia e destacado investigador nesta materia, Pau Rausell, que afondará na relación entre as industrias culturais e o turismo; así como Julio Gómez, director de Sinsal Audio; e Antón Reixa, presidente do grupo Filmanova.