Ir o contido principal

Azucena Mora dá continuidade ao Campus Terra no comité científico da Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición

Azucena Mora, entre Alberto Cepeda e Carlos Franco, na sede da AESAN
Azucena Mora, entre Alberto Cepeda e Carlos Franco, na sede da AESAN
A profesora na Facultade de Veterinaria da USC e directora científica do Centro de Biomedicina e Veterinaria (Cebiovet) da Fundación Rof Codina incorpórase á comisión de expertos AESAN responsable de velar pola seguridade alimentaria, así como de avaliar e identificar posibles riscos emerxentes neste ámbito
Lugo

A profesora da área de Microbioloxía da USC na Facultade de Veterinaria e investigadora do Laboratorio de Referencia de Escherichia coli, Azucena Mora Gutiérrez, toma o relevo e asume a representación do Campus Terra da USC no comité científico da Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN), tras incorporarse á comisión de expertos deste organismo nacional, unha comisión integrada por vinte especialistas de contrastada reputación académica e científica, da que previamente formaron parte os tamén catedráticos da USC na sede universitaria luguesa Alberto Cepeda e Carlos Franco.

A inclusión da tamén directora do Centro de Biomedicina e Veterinaria (Cebiovet) no renovado comité científico da AESAN responde a súa “recoñecida competencia científica nas áreas de microbioloxía e zoonoses alimentarias”, segundo puxo de manifesto o presidente desta axencia estatal, Rafael Escudero Alday, no marco da sesión conmemorativa do 20 aniversario do Comité Científico da Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición celebrada este mércores en Madrid, un acto que precedeu a constitución do novo comité.

A comisión científica é o órgano da AESAN encargado de asumir as funcións de avaliación e identificación problemáticas no ámbito alimentario, así como de calquera risco ou potencial risco emerxente. Este comité, engadiu a profesora Mora Gutiérrez, está constituido por 20 membros de recoñecida competencia científica en diversas áreas: Toxicoloxía Alimentaria, Microbioloxía, Viroloxía, Parasitoloxía ou Zoonoses Alimentaria, Epidemioloxía Humana e Animal, Biotecnoloxía e Modificación Xenética, Inmunoloxía e Alergoloxía, Nutrición Humana, Farmacoloxía, Procesos Tecnolóxicos Alimentarios e Análises e Instrumentación.

As funcións que desenvolve este órgano científico son amplas, todas elas relacionadas coa elaboración de estudos e informes e coa prestación de asesoramento. De feito, este comité da AESAN proporciona avaliacións de riscos e informes en materia de seguridade alimentaria e nutrición, define ou, cando menos orienta, os ámbitos dos proxectos de investigación precisos para poder cumprir os seus cometidos, e coordina grupos de expertos que operan no ámbito da seguridade alimentaria e da nutrición, ademais de ocuparse da identificación e avaliación e de riscos xa detectados ou emerxentes.

Alén das competencias e da relevancia do cometido da AESAN como órgano garante da seguridade alimentaria e, en consecuencia, da saúde, a profesora Azucena Mora Gutiérrez considera que a súa presenza no comité científico deste órgano de asesoramento reporta visibilidade e reforza a reputación do Campus Terra da USC. Neste senso, sinalou que a implicación directa nas dinámicas da AESAN permite ao Campus Terra estar activo na proposta e elaboración de informes relacionados coa seguridade alimentaria, ademais de favorecer o acceso a información de primeira man da Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA), así como doutras comisións relevantes, como pode ser a do Codex Alimentarius. Estas vantaxes, precisou Mora, redundan tamén na mellora da calidade docente e da formación que podemos transmitir ao noso estudante.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.06.2023.