Ir o contido principal

As bacterias multirresistentes, constitúen unha grave ameaza para a saúde humana, sinala a investigadora Azucena Mora

Azucena Mora, na súa intervención nos 'Xantares Biocientíficos' de BioReDes, no edificio Cactus
Azucena Mora, na súa intervención nos 'Xantares Biocientíficos' de BioReDes, no edificio Cactus
A profesora da USC e investigadora do Laboratorio de Referencia E.coli trata no Cactus o problema da resistencia a antibióticos nos ‘Xantares Biocientíficos’ de BioReDes
Lugo

O incremento de bacterias multirresistentes (MDR) representa unha das ameazas máis graves para a saúde humana, xa que diminúe as opcións dispoñibles para un tratamento adecuado, aumentando as taxas de mortalidade e os custos sanitarios, segundo salientou a profesora da Facultade de Veterinaria e investigadora do Laboratorio de Referencia E.coli (LREC) Azucena Mora Gutiérrez no Xantar Biocientífico promovido este venres pola Agrupación Estratéxica de Investigación do Campus Terra da USC, BioReDes, no edificio Cactus do Campus de Lugo.

Mora Gutiérrez sinalou na súa intervención, desenvolvida baixo o título ‘Resistencia aos antibióticos: un problema prioritario que require dunh abordaxe ‘da granxa á mesa’, que os animais de produción, especialmente aves e porcino, foron identificados como os principais responsables do incremento de resistencias aos antibióticos, incluída á colistina.

Daquela, engade esta investigadora, existe unha gran preocupación pola adquisición in vivo de plásmidos portadores de mcr e blaBLEE (de resistencia á colistina e betalactámicos de amplo espectro, respectivamente) por parte da microbiota humana tras un tratamento con colistina, ou vía transmisión animal a través do contacto directo, ou polos alimentos. Arredor dunha de cada 5 infeccións resistentes son causadas por microorganismos procedentes de alimentos e animais. Este feito figura entre os motivos polos que na actualidade se presta especial vixilancia aos denominados clons de alto risco, diseminados tanto no home como nos animais, como son os pertencentes ás secuencias tipo ST10, ST131, ST405 e ST648 de Escherichia coli.

Os nosos resultados en gando porcino evidencian a presenza de cepas ST131 portadoras do xene mcr-1, confirmándose o seu potencial zoonósico e a posibilidade de transmisión alimentaria, en base á alta identidade atopada na comparación do xenoma esencial das cepas. Doutra banda, atopamos que o 80% da carne de ave adquirida en posto de venda ao consumidor é portadora de cepas de Enterobacteriaceae produtoras de BLEE e MDR, incluídas cepas de E. coli potencialmente causantes de infeccións do tracto urinario, e clons de K. pneumoniae de importancia clínica.

Ante esta realidade, Mora Gutiérrez entende que é esencial reforzar os programas de control desde a granxa para a redución do uso de antibióticos, pasando polo matadoiro para evitar ao máximo a contaminación das canles durante o seu faenado, até a mesa do consumidor.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.12.2019.