Ir o contido principal

Os bancos nacionais de xermoplasma de maceira rexistran uns 650 xenotipos de mazá, 200 en Galicia

Reunión de traballo de investigadores nacionais no edificio Cactus do campus de Lugo
Reunión de traballo de investigadores nacionais no edificio Cactus do campus de Lugo
Investigadores españois que participan nun proxecto de harmonización e avaliación da da diversidade xenética da mazá expuxeron os seus avances no campus de Lugo

O edificio Cactus do campus de Lugo acolleu este martes unha reunión dos grupos de investigación que traballan na avaliación e harmonización das variedades de mazá recollidas e conservadas nos bancos de xermoplasma de maceira máis representativos de España. Nesta xornada, que se encadra dentro das accións desenvolvidas ao abeiro do proxecto de investigación interuniversitario ‘ Harmonización da metodoloxía, caracterización, avaliación da diversidade xenética e definición da colección nuclear do xermoplasma de maceira conservado nos bancos de xermoplasma españois’, no que traballan na actualidade profesionais de universidades e centros de investigación de Galicia, Asturias, Navarra, Aragón e Cataluña, puxéronse de manifesto os avances feitos ata o momento e algunhas das conclusións xa acadadas no primeiro ano de vida dun proxecto que rematará a finais do 2014.

O investigador do grupo de Agronomía da Universidade de Santiago de Compostela e profesor na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo Santiago Pereira, que tamén é o coordinador en Galicia deste proxecto, financiado polo Inia a través do Subprograma Nacional de Conservación de Recursos Xenéticos de Interese Agroalimentario, sinalou que o traballo desenvolvido ata o momento por todos os investigadores implicados neste proxecto permiten cifrar en máis de 650 as accesións (variedades con diversidade xenética) españolas de mazás referidas nos cinco bancos de xermoplasma de maceira máis representativos de España. Os investigadores aportaron esta primeira conclusión logo de avaliar as máis de 1.000 accesións de mazás e maceiras dispoñibles nos bancos de xermoplasma emprazados no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (A Coruña), no Consello Superior de Investigacións Científicas de Aragón, na Universidade de Lleida, na Universidade Pública de Navarra e no Servizo Rexional de Investigación e Desenvolvemento Agroalimentario (Serida) de Asturias. A harmonización da metolodoxía empregada nos procesos avaliadores das distintas accesións de mazás e maceiras xa rexistradas nos citados bancos de xermoplasma de maceiras de referencia en España, proban a existencia dun 30% de referencias ou variedades repetidas. Daquela, logo deste novo e exhaustivo estudo agronómico e morfolóxico das variedades de mazás existentes no territorio Nacional, os datos sitúan a carón de 650 os xenotipos únicos de mazás en España. No caso de Galicia, o número de variedades diferenciadas de mazás supera a cifra de 200, explicou o profesor Santiago Pereira. Este investigador do grupo de Agronomía da Escola Politécnica Superior de Lugo sinalou asemade a dificultade para precisar a procedencia das distintas variedades de mazá avaliadas ao abeiro deste proxecto, dado que é posible o cultivo dun mesmo tipo de mazá en diferentes localizacións. No caso de Galicia, Santiago Pereira destacou o carácter superior dunha variedade de mazá propia de Galicia que ten localizada a súa orixe en Pontevedra chamada Camoesa. Esta variedade deixou de cultivarse na actualidade, a pesar de que no seu momento estendeu a súa produción por moitas partes do territorio español e incluso se exportou a países de Latinoamérica. O profesor Pereira, que apuntou certos intentos por recuperar a produción e o cultivo de mazá camoesa, destacou, sen embargo, que variedades galegas de mazá con aptitudes para a produción de sidra, tales como Los Peros ou Jamardos, son as que presentan na actualidade un maior potencial no que atinxe ao seu posible rendemento económico. Santiago Pereira sinalou ademais que estas variedades incluso poderían ser a base dunha futura denominación de orixe de sidra galega.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.04.2013.