A banda Gintonic presenta en Santiago e Lugo as súas composicións a cabalo entre o rock progresivo e o jazz

A cabalo entre o rock progresivo e o jazz, a banda Gintonic visitará esta semana os campus de Santiago e Lugo con dous concertos que presentarán as súas composicións, construídas na procura “ dun equilibrio entre a improvisación e o arranxo escrito”. A primeira oportunidade de escoitar o repertorio desta formación integrada por catro profesionais cunha longa traxectoria e dilatada experiencia en múltiples estilos será o xoves 14 ás 20.00 horas na Igrexa da Universidade. A Lugo chegarán o venres 15 cunha actuación prevista para ás 20.30 horas na Casa do Saber.
O repertorio desta formación básica confórmano integramente temas propios cun especial “apego á melodía, os arranxos complexos e enraizados na tradición da música de cámara, a improvisación e a busca de variedade nos timbres e efectos sonoros por medio de sintetizadores, pedais ou filtros, entre outros”. O resultado, como eles mesmos adiantan, “é unha música fresca e contundente que conecta facilmente cunha ampla variedade de público”.
Gintonic mantén unha constante actividade concertística e ten realizado concertos en infinidade de pequenos locais así como en teatros e festivais. A banda gravou os discos ‘Gintonic’ e ‘Gintonic 2’ coa compañía discográfica AusArt Records. Os seus catro compoñentes son profesores de música en diferentes centros académicos: Mario Clavell (frauta e EWI); Aurkene Núñez (teclados e voz), Ricardo Cantera (batería); e Marcelo Hormaechea (baixo eléctrico).