Ir o contido principal

O barroco iberoamericano reúne en Santiago por vez primeira novos investigadores chegados de todo o mundo

Abrirán un diálogo entre as diversas disciplinas sobre os estudos do barroco

O I Simposio Internacional de Novos Investigadores do Barroco Iberoamericano reunirá en Santiago a vindeira semana, entre o 27 e o 29 de maio, especialistas interesados en abrir un diálogo entre as diversas disciplinas sobre os estudos do barroco. As persoas participantes chegan a Compostela procedentes de toda España e de México, Portugal, Francia, Estados Unidos, Porto Rico, Canadá e Brasil. O decano da facultade, Juan Monterroso, dará a benvida aos asistentes o luns 27 ás 9.00 horas no Paraninfo da Universidade. A partir de aí comezarán a desenvolverse os diversos relatorios e as múltiples sesións paralelas de comunicacións. No encontro, que nesta primeira ocasión se presenta co lema ‘Identidades Culturais dun Imperio Barroco’, participará persoal investigador nos campos da historia da arte, a literatura, a historia, a música, a filosofía ou a teoloxía coa finalidade de establecer as conexións existentes entre os movementos culturais e artísticos do Barroco Iberoamericano, no só na Idade Moderna senón tamén analizando a continuidade temporal que pervive hoxe . O simposio está organizado polo grupo Iacobus da USC xunto cos grupos de investigación de Historia da Arte da Universidade Pablo Olavide de Sevilla e Jaume I de Castellón, que confluíron no Centro de Estudos de Barroco Iberoamericano (CEIBA), un proxecto para crear un centro de investigación interuniversitario no que estea representado o persoal científico que traballe no eido da cultura barroca na Península Ibérica e en Iberoamérica. Patrimonio monástico da Ribeira Sacra

No transcurso do encontro terá lugar (o martes 28 ás 10.00 horas no mesmo Paraninfo) a presentación do libro Entre el agua y el cielo. El patrimonio monástico de la Ribeira Sacra. Opus Monasticorum V, unha edición a cargo de Juan Monterroso e de Enrique Fernández Castiñeiras.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.05.2013.