O batallón literario de 1808, o centenario da primeira interpretación do himno galego e obras do escultor Manolo Paz, propostas expositivas da USC para agosto
Os visitantes que se acheguen ao longo do mes de agosto ao Colexio de Fonseca da USC poderán gozar coas tres propostas expositivas que a institución docente mantén abertas ao público. Trátase das mostras ‘A rarear’ do escultor Manolo Paz; ‘O Himno. Os tempos son chegados’, que conmemora o centenario da primeira interpretación do Himno galego na Habana; e ‘Minerva e Marte. O batallón literario de 1808’.
‘A rarear’Baixo o título ‘A Rarear’, a Obra Social de Caixanova xunto coa Galería compostelá SCQ e a Vicerreitoría de Cultura da USC entresacan do seu espazo natural as pezas máis emblemáticas e persoais coas que o escultor Manolo Paz (Cambados, 1957) conviviu estes últimos quince anos no seu taller.
A mostra componse de oito pezas comprendidas entre 1990 e 2005, raras polas súas peculiaridades cronolóxicas e materiais, reunidas agora, por primeira vez, no antigo xardín botánico de Santiago de Compostela anexo á biblioteca da Universidade, que é testemuña da súa historia.
Ata o 12 de outubro a exposición permanecerá aberta de 11 a 14 e de 17 a 20:30 horas de martes a sábado; e de 11 a 14:00 os domingos e festivos. Os luns pecha.
‘O himno’O Claustro do Colexio de Fonseca acolle ata o 31 de agosto a mostra ‘O Himno. Os tempos son chegados’, proposta de carácter itinerante da Vicepresidencia da Xunta de Galicia que chega agora á Universidade de Santiago.
‘O Himno. Os tempos son chegados’ conmemora o centenario da primeira interpretación do Himno galego no Teatro Tacón da Habana o 20 de decembro de 1907. Xorde nunha época na que as sociedades de emigrados son un fervedoiro de iniciativas políticas, sociais e culturais que sinalan novos horizontes de liberdade e prosperidade.
O batallón literario de 1808Un dos principais expoñentes da organización da sociedade civil na contenda contra as tropas napoleónicas en 1808 foi o alistamento de 1.600 estudantes universitarios que conformaron o Batallón dos Literarios, unha iniciativa xurdida no seo da universidade compostelá.
Rememorando este acontecemento a Vicerreitoría de Cultura e a Sociedad Estatal de Conmemoraciones Culturales (SECC) adscrita ao Ministerio de Cultura, organizan no Colexio de Fonseca a exposición ‘Minerva e Marte. O batallón literario de 1808’.
A mostra, que pretende recoller e analizar os principais acontecementos acaecidos ao redor deste Batallón universitario, toma o seu nome dun texto que os soldados portaban nunha cinta do seu uniforme na que se podía ler “Por rescatar a Fernando y acabar con Bonaparte uniose Minerva a Marte”. Disolto o Batallón, algúns dos 200 superviventes continuaron loitando en Galicia e incluso continuaron posteriormente carreira militar, chegando incluso a relevantes cargos no exército e o goberno.
O núcleo principal da exposición, aberta ata o 21 de setembro, procede do propio Arquivo Universitario co estandarte do Batallón como eixe simbólico do proxecto. Este estandarte foi restaurado para a ocasión pola conservadora especializada en tecidos Camino Fernández Represa. Ademais, na mostra tamén se poderá contemplar reconstrucións dos uniformes dos soldados, así como documentación de arquivos e coleccións privadas e de museos galegos. O proxecto expositivo completa unha panorámica descritiva do que supuxo a guerra en Galicia, definindo así o contexto social e cultural no que xurde o Batallón.