Batuko Tabanka actúa o luns en Veterinaria dentro do programa de Lugo Cultural
O programa de outono de Lugo Cultural terá a súa continuidade o luns 3 co concerto do grupo Batuko Tabanka no Auditorio de Veterinaria. A parte musical estará presidida pola proxección dun documental sobre o país de orixe desta formación, Cabo Verde.
Trátase do segundo concerto da serie Lubicán, que estivo precedido o día 21 pola presentación do traballo do grupo Xúa. O concerto englóbase tamén dentro do programa ‘Encontros coa Lusofonía’ e coa exposición fotográfica que pode visitarse nesta mesma Facultade con esta temática.
O concerto de Batuko Tabanka dará comezo ás 21:30 horas. A formación está composta por 12 mulleres de orixe caboverdiana que se constituíron en Burela como asociación para dignificar a cultura do seu país de nacemento e lembrar a súa procedencia cultural.
A música das Batuko Tabanka representa unha forma de vida que deixaron atrás coa emigración ao norte da provincia de Lugo. No escenario dispóñense en abano atando o batuko, un simple trapo envolto sobre si, recuberto cun plástico e colocado entre as pernas para que faga resonancia. Estas mulleres, amas de casa na súa maioría, saen ao escenario, baten con furia e alegría o batuko e cantan entre risos e desafíos. De vez en cando algunha sae ao medio para amosar o seu xeito de bailar.
Previamente ao concerto, ás 20:30 horas, proxectarase o documental ‘Batuque-A alma dun pobo’, dirixido por Julio Silvao Tavares. O fio condutor do filme é o batuque, a mais antiga manifestación cultural de Cabo Verde. Este foi reprimido e prohibido durante a colonización por ser considerado ofensivo da boa moral, pero non deixa de ser un prisma único por onde se filtra a propia historia de Cabo Verde.