Ir o contido principal

Begoña Barreiro, nova decana da Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo

Begoña Barreiro, nova decana da Facultade de ADE de Lugo
Begoña Barreiro, nova decana da Facultade de ADE de Lugo
Substitúe no cargo a Luís Gago, quen dirixiu o centro durante os últimos catro anos

A profesora Begoña Barreiro Fernández resultou elixida decana da Facultade de Administración e Dirección de Empresas de Lugo logo de que a súa candidatura, a única presentada, recibira a apoio da práctica totalidade dos participantes nas eleccións celebradas recentemente no centro. A nova decana ocupa o cargo que deixa Luís Gago, responsable da dirección desta facultade durante os últimos catro anos. Begoña Barreiro é profesora no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización e imparte clases nas facultades de Administración e Dirección de Empresas, Humanidades e Ciencias do Campus de Lugo. Alumna da antiga Escola Universitaria de Empresariais de Lugo, licenciouse e doutorouse en Ciencias Económicas e Empresariais pola USC, na que é profesora desde o ano 1995. Non é a primeira vez que Barreiro ocupa un posto de responsabilidade no centro, xa que fora tamén secretaria da facultade de ADE en Lugo durante unha lexislatura anterior. Así mesmo, foi tamén vicerreitora adxunta de Investigación e Proxección Exterior e de Oferta e Xestión Académica no campus de Lugo. Equipo decanal Ademais de Begoña Barreiro, o novo equipo decanal está formado por Fernando Losada, ata agora director da residencia universitaria Bal y Gay, e que exercerá a función de vicedecano; e Sebastián Villasante, profesor da Área de Economía Aplicada e recoñecido investigador no ámbito internacional, que ocupará o cargo de secretario do centro. Entre os obxectivos do novo equipo directivo están “a consolidación da oferta académica do centro, tanto en grao como en posgrao, e poñer en valor o noso traballo docente e investigador, é dicir, trasladar ao resto da comunidade universitaria e á sociedade en xeral a utilidade e a aplicación dos nosos traballos, e vincular os resultados obtidos coa solución aos problemas reais das persoas”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.11.2012.