Ir o contido principal

A Biblioteca Filolóxica Galega engade dúas novas publicacións ao seu catálogo

A presentación dos volumes celebrouse na Facultade de Filoloxía
A presentación dos volumes celebrouse na Facultade de Filoloxía
Está editada polo Instituto da Lingua Galega e a Fundación Pedro Barrié de la Maza

A Biblioteca Filolóxica Galega, que editan o Instituto da Lingua Galega da USC (ILG) e a Fundación Pedro Barrié de la Maza, acaba de engadir dous novos títulos a seu catálogo coa publicación de Para un estudo xeolingüístico dos campos lexicais. Análise de designacións galegas do ámbito da gandaría e O debate normativa da lingua galega (1980-2000) A presentación de ambas obras celebrouse na Facultade de Filoloxía coa presenza do catedrático de Filoloxía Románica e director da Colección, Antón Santamarina; o director xeral da Fundación, Javier López Martínez; e os autores dos volumes, Pablo Sánchez Vidal e Xosé Afonso Pérez. A Biblioteca Filolóxica Galega xorde a finais dos anos noventa ao abeiro dun convenio entre o ILG e a Fundación Pedro Barrié de la Maza co obxecto de trasladar á sociedade obras relevantes de investigación filolóxica en calquera das distintas disciplinas e liñas de investigación que contribúan ao avance do coñecemento sobre a lingua galega pasada e presente. En 2000 a Biblioteca inaugurouse co primeira versión do Dicionario de dicionarios, dirixido por Antón Santamarina. Esta edición electrónica, que reúne os dicionarios galegos realizados ata época recente, é unha obra excepcional polo seu valor, utilidade e modernidade, amplamente recoñecidos por especialistas de todo o mundo. Dende entón, a colección acolleu os volumes correspondentes do Atlas Lingüístico Galego e a edición de trece obras relevantes, entre as que se atopan os títulos hoxe presentados. Análise de designacións galegas do ámbito da gandaría Para un estudo xeolingüístico dos campos lexicais. Análise de designacións galegas do ámbito da gandaría ofrece unha proposta de modelo de estudo do léxico que combine dúas ópticas complementarias, a perspectiva xeolingüística e a lexical-etimolóxica. Os materiais do libro proveñen de 381 enquisas dialectais realizadas na década dos 70. Segundo explica o seu autor, Xosé Afonso Álvarez, seleccionáronse dezaseis conceptos, case todos referidos á anatomía da vaca, o animal adulto (macho); o animal non adulto; o pescozo; infectarse o pescozo polo rozamento do xugo; espiñazo; ósos da cadeira; vaca cun cadril afundido por mor dun golpe; parte onde nace o rabo da vaca; vaca sen rabo; a vulva; bestra, xarrete das patas traseiras; o ubre; a barriga; dentes de leite; a corna; e os cornos da vaca (morfoloxía). As respostas obtidas pódense agrupar en máis de mil cen tipos lexicais distintos, simples e complexos. Cada un deses tipos –engade o autor- é clasificado de acordo co seu valor semántico e a motivación do procedemento designativo en cuestión, ademais de recibir un comentario particularizado, en que se analizan a súa etimoloxía, os mecanismos de formación, o tratamento nos dicionarios e obras lexicográficas, a fortuna nas obras literarias, a presenza noutras fontes de fala viva ou os seus equivalentes nas linguas veciñas. Xosé Afonso Álvarez Pérez (Pontevedra, 1980) cursou estudos de Filoloxía Románica en Padua (Italia) e en Santiago de Compostela, onde se licenciou en Filoloxía Románica (2003) e en Filoloxía Galega (2005). Membro do Instituto da Lingua Galega dende o ano 2004, realizou no seu seo a tese de doutoramento, que defendeu en 2008, após unha estadía na universidade de Grenoble (Francia). Desde xaneiro de 2009 é investigador posdoutoral no Centro de Linguística da Universidade de Lisboa. O debate normativo da lingua galega O debate normativo da lingua galega (1980-2000) explora o proceso de codificación ortográfica e gramatical da lingua galega entre 1980 e o ano 2000. A análise realizada por Pablo Sánchez, autor do volume, presenta a grafización e gramaticalización da lingua galega neste período como unha intensa polémica entre tres grandes correntes codificatorias (a orientación autonomista, a orientación reintegracionista e a orientación lusofonófila) delimitadas metodoloxicamente entre si pola admisión da tradición gráfica galega contemporánea, pola aceptación do sistema gráfico do portugués padrón e pola reivindicación explícita da identidade gráfica plena co estándar luso. A maiores, o traballo de Sánchez examina os vínculos entre o debate normativo da lingua galega e o proceso de configuración histórica da identidade nacional galega. Tocante a esta última problemática, este libro presenta as tres grandes correntes codificatorias da polémica normativa da lingua galega como a “codia” visible doutras tantas liñas ideolóxico-lingüísticas (Galiza de seu, Galiza con Portugal e Galiza en Portugal). Pablo Sánchez Vidal é licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa e Filoloxía Hispánica pola USC (1992) e doutor en Filoloxía galega (USC). Na actualidade é profesor de ensino medio secundario e colaborador externo do ILG da USC. O seu labor investigador céntrase no estudo do proceso de codificación ortográfica e gramatical da lingua galega. Antón Santamarina e Javier López Martínez, no centro, estiveron acompañados dos autores dos libros

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.12.2010.