A Biblioteca e o Servizo de Publicacións participan nun proxecto de intercambio de libros electrónicos entre universidades españolas
A USC participa nun proxecto da Unión de Editoriais Universitaria (UNE) e a Rede de Bibliotecas Universitaria da CRUE (REBIUN) para o desenvolvemento dunha plataforma que permita o intercambio de libros electrónicos sobre un modelo de consulta que xa está en produción. Así, Xebook e OdiloTK son dúas plataformas que permitirán a editores e bibliotecas universitarias dispoñer de espazos propios de almacenamento e ofrecer opcións máis seguras para a autenticación de usuarios/as e o control das obras depositadas. Nun desenvolvemento posterior, as plataformas permitirán tamén comprar libros electrónicos para ofertalos en préstamos dende as propias bibliotecas. Concretamente, a Biblioteca Universitaria e o Servizo de Publicacións da USC están a traballar na plataforma Xebook, na que tamén están implicadas nesta primeira fase as universidades de Salamanca, Burgos e Cádiz. Esta primeira experiencia continuará ampliándose en contidos e institucións implicadas a partir do vindeiro outono. A directora da BUSC, Mabela Casal, e o director do Servizo de Publicacións, Juan Blanco, coinciden en destacar que o máximo aproveitamento das potencialidades do intercambio e préstamos de libros electrónicos redundarán tanto nun maior impacto das publicacións da USC así como nun mellor e máis completo servizo aos usuarios/as das bibliotecas universitarias. Ambos forman parte do grupo de traballo mixto UNE-REBIUN, integrado polos directores/as de bibliotecas e editoriais das universidades de Santiago, Burgos, Cádiz, La Laguna, Pontificia de Comillas e Salamanca.