A Biblioteca Universitaria abre a matrícula nos cursos para adquirir competencias en información

A Biblioteca Universitaria a través da Secretaría Virtual abre o prazo de inscrición dos seus cursos de competencias en información. Os tres niveis destas actividades formativas, básico, avanzado e experto, presentan con distintos grados de dificultade ou especialización, os servizos e os recursos que o alumnado ten ao seu dispor tanto na USC como na Internet para satisfacer as súas necesidades de información e para coñecer como utilizala e difundila de xeito ético e legal.
Cada actividade formativa consta de 25 horas cada unha. Os niveis básico e avanzado teñen recoñecido 1 ECTS para o grao no que se imparten, e o nivel experto, un diploma de aproveitamento. A dispoñibilidade dos cursos para cada grao, depende das datas ofertadas por cada biblioteca, polo que é preciso consultar no calendario de formación e na Secretaría Virtual os prazos de matriculación e celebración dos cursos para cada centro. A formación é en liña a través do Campus Virtual da USC.
Programa dos cursos
O nivel básico diríxese ao alumnado dos primeiros cursos de grao e o seu obxectivo é presentar todos os recursos e servizos que oferta a BUSC para facilitar o desenvolvemento dos seus estudos. O uso do catálogo da Biblioteca, os servizos da web, a busca de información fiable en Internet, como facer un traballo académico, como citar correctamente as fontes consultadas e como traballar e compartir na rede protexendo a identidade dixital, conforman o seu programa.
O nivel avanzado diríxese ao alumnado que se atopa no proceso de redacción do seu traballo fin de grao. Ademais dun repaso das competencias adquiridas no curso básico, esta actividade formativa ensina a optimizar as buscas de información na Internet e en bases de datos; mostra o uso dos xestores bibliográficos, a metodoloxía básica para elaborar e defender un traballo de Fin de Grao e os dereitos de autor e os beneficios do acceso aberto.
O nivel experto diríxese ao alumnado de posgrao. O curso ensina a saber planificar unha busca e localizar información relevante en catálogos, bases de datos e Internet. Forma na utilización de xestores bibliográficos e outras ferramentas informáticas de almacenaxe na nube. Capacita na metodoloxía científica propia para a elaboración dun traballo de investigación tendo en conta o uso responsable, ético e legal da información. E dá a coñecer ferramentas para a presentación de traballos académicos, os dereitos de autor e as implicacións de publicar en acceso aberto. Nesta ligazón pode obterse máis información sobre os cursos e o proceso de inscrición na Secretaría Virtual.