A Biblioteca Universitaria agrupa a obra de Roberto Vidal Bolaño dispoñible nos seus fondos nun blog con motivo das Letras Galegas
Co gallo do Día das Letras Galegas a Biblioteca Universitaria da USC (BUSC) está elaborando un blog dedicado á figura e á obra de Roberto Vidal Bolaño (http://letrasga2013.wordpress.com/). A BUSC está a traballar deste xeito na realización dunha bibliografía completa sobre o autor, ao tempo que amosa os fondos que posúe tanto das obras como das críticas arredor de Vidal Bolaño. O novo blog, denominado ‘Letras Galegas 2013’, súmase ao blog ‘Fonseca’ da Biblioteca a aos desenvolvidos por outros centros da propia institucións. Deseñouse unha estrutura con varios apartados que recompilan a produción literaria e xornalística do autor e que agrupan os documentos baixo as etiquetas ‘Teatro de RVB na BUSC’, ‘Outros escritos de RVB na BUSC’, ‘Obra colectiva na BUSC’ e ‘Entrevistas’. O material posto a disposición das persoas interesadas actualízase a medida que se vai enriquecendo o fondo bibliográfico da BUSC, incluíndo unha breve cronoloxía que contén os enlaces aos volumes no propio catálogo da BUSC e facilitando a quen estea interesado/a na obra de RVB a súa localización nas bibliotecas que forman parte da rede da BUSC. Este servizo universitario tamén organiza a bibliografía sobre a obra de RVB que estará dispoñible en breve e dará conta tamén das últimas achegas publicadas recentemente.