A Biblioteca Universitaria, un espazo seguro

Os servizos presenciais que se prestan na Biblioteca da USC (BUSC) desenvólvense dende o inicio deste curso 2020-2021, en todos os seus puntos de servizo, garantindo o cumprimento dos protocolos de seguridade ditados polas autoridades sanitarias. Deste xeito, as persoas usuarias que desexen facer uso dos servizos presencias da BUSC deben rexistrarse no mostrador do punto de servizo empregando para iso a TUI ou a carta de usuario.
Na zona de atención ao usuario/a, cada espazo dispón de marcas no chan indicando a distancia mínima de seguridade entre o mostrador e o/a usuario/a, isto é, 1,5 metros. Asemade, as instalacións dispoñen de dispensadores de xel sanitizante, panos dun só uso e papeleiras con tapa e pedal. Despois de cada transacción, xa sexa préstamo e/ou devolución, a persoa que estea atendendo o mostrador utilizará un desinfectante sobre a superficie. Asemade o persoal de atención ao publico ten que desinfectarse as mans con xel sanitizante despois de cada transacción. Alén disto, o uso de máscara facial é obrigatorio e non se permite o uso compartido de obxectos.
Limitacións de acceso
Como norma xeral, os postos de lectura das bibliotecas situadas en edificios docentes están reservados para o alumnado matriculado nese centro, incluídos os graos e másteres interuniversitarios. Os postos de lectura da Biblioteca Concepción Arenal estarán reservados de luns a venres para o alumnado matriculado nas titulacións das Facultades de Dereito, Ciencias Políticas e Relacións Laborais e para o alumnado da Facultade de Farmacia que reciba docencia nas Facultades anteditas. No horario da fin de semana os postos de lectura estarán ao dispor de todo o alumnado da USC.
Pola súa parte, os postos de lectura da Biblioteca Intercentros de Lugo están reservados de luns a venres para o alumnado matriculado nas titulacións ás que dá servizo e para o alumnado dos centros adscritos deste Campus. En fin de semana, os postos de lectura estarán ao dispor de todo o alumnado da USC. Finalmente, os postos da Biblioteca Xeral estarán ao dispor de todo o alumnado da Universidade, dos centros adscritos do Campus de Santiago e dos usuarios externos da BUSC que posúan unha carta de lector actualizada.
Acceso aos fondos bibliográficos
Con carácter xeral, as persoas usuarias con TUI ou carta de lector poderán acceder a calquera punto de servizo da BUSC para consulta, préstamo e/ou devolución de fondos bibliográficos. Asemade, permítese o acceso directo á colección disposta nas salas de lectura malia que esta norma pode presentar limitacións nalgunha biblioteca, en razón dos condicionamentos do espazo e seguridade. A solicitude de cita previa mantense como xeito prioritario de acceso aos fondos de especial valor que se consultan na Sala de Investigadores da Biblioteca Xeral.
As persoas que non posúan unha carta de lector e precisen da consulta e/ou uso das coleccións bibliográficas da Biblioteca Universitaria deben solicitar un permiso de acceso, para o cal cómpre que se dirixan á Biblioteca onde estea depositado o fondo obxecto de consulta. Na páxina web da BUSC están dispoñibles as canles de comunicación oportunas.