As bibliotecas inician o período de apertura en horario extraordinario
As bibliotecas da USC nos campus de Santiago e Lugo inician este luns 3 o período de apertura en horario extraordinario. En Santiago a Biblioteca Concepción Arenal abrirá ata as 3.00 horas ata o 16 de decembro. Deseguido, entre os días 17 e 21 permanecerá aberta as 24 horas.
Nun segundo período, entre os días 3 e 6 de xaneiro volverá abrir con horario estendido, mantendo as súas portas abertas ata as 3.00 horas. Entre os días 7 e 23 de xaneiro, esta biblioteca volverá abrir de xeito continuada as 24 horas. Finalmente, do 23 ao 25 deste primeiro mes de 2019 o peche retrasarase ata as 3.00 horas. Por outra banda, no Campus de Lugo, a Biblioteca Intercentros manterá o horario extraordinario, mantendo as súas instalacións abertas ao público ata as 3.00 horas en dous períodos, do 3 ao 21 de decembro e do 2 ao 25 de xaneiro.
Como reforzo ao horario extraordinario, a Sala de Lectura da Facultade de Dereito abrirá de 10.00 a 22.00 horas os días 6, 8, 9, 15 e 16 de decembro. Tamén e co mesmo horario, nas fins de semana dos días 12 e 13 e 19 e 20 de xaneiro. A este centro sumarase a biblioteca da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, de reforzo os días 15 e 16 de decembro e nas fins de semana dos días 12 e 13 e 19 e 20 de xaneiro, tamén de 10.00 a 22.00 horas. A estas dúas sumarase a Biblioteca Xeral, aberta de 10.00 a 22.00 horas nas fins de semana de xaneiro (días 12, 13, 19 e 20).
No período comprendido entre os días 22 de decembro ao 1 de xaneiro as bibliotecas manterán o seu horario habitual de apertura: de luns a venres de 9.00 a 20.30 horas e en fin de semana de 10.00 a 19.30 horas.