'Bioarte para a concienciación sobre o cambio climático' pecha a segunda vaga das Faíscas Culturais deste curso

A intervención ‘Bioarte para a concienciación sobre o cambio climático’ que se desenvolveu este mércores 13 na Facultade de Bioloxía serviu de colofón á segunda vaga das Faíscas Culturais que se veñen realizando ao longo deste curso. No acto, presentáronse cinco obras artísticas elaboradas por alumnas de primeiro do grao de Bioloxía, dúas individuais e tres colectivas. Cada unha das obras foi explicada pola súa autora poñendo o foco na vontade de denuncia dos problemas ocasionados polo cambio climático, o cambio global (que abrangue cambio climático, contaminación ou cambio de usos, entre outros aspectos), o medio ambiente e mesmo como eses cambios transcenden a vida cotiá dos seres humanos. Ao remate do acto cada autora foi agasallada con un libro.
A vaga de Faíscas Culturais titulada ‘Un rastro de furia e algas. Reflexións sobre o futuro do planeta Terra’ foi deseñada como complemento da exposición homónima que ocupa ata o mes de xaneiro o Salón Artesoado do Colexio de Fonseca. A mostra acolle artistas do Norte de Portugal e Galicia que, nalgúns casos, abordan a través da súa obra a complexidade da loita medioambiental, mentres que noutros acométese o relato de historias concretas, ademais de analizar causas e consecuencias, “intentando pensar como chegamos ata aquí e que podemos facer ao respecto”, tal e como explica o profesor da USC Federico López Silvestre, comisario da mostra xunto a María Gil e Sergio Meijide. A xeración Y (millennial, nados/as entre 1980 e 1996, aproximadamente) é a primeira afectada polo que se deu en denominar como “ansiedade climática”. Ante esta situación, son moitos os e as artistas que, comezando a súa carreira no século XXI, traballan arredor da crise ecolóxica, reflexionando sobre como as transformacións antrópicas afectan o ser humano e a súa contorna.
Tomando esta mostra como pano de fondo, desenvolveuse unha serie de citas nas facultades de Ciencias da Comunicación, Farmacia, Ciencias, Veterinaria, Psicoloxía, e Bioloxía e na Escola Técnica Superior de Enxeñaría para reflexionar sobre o cambio climático e o futuro do planeta con enfoques diversos propostos dende o punto de vista dos diferentes centros.
As faíscas son partículas que se desprenden dun corpo que arde. A partir deste concepto, a USC lanzou o pasado curso un novo proxecto artístico-pedagóxico co que se logrou que o “lume” das manifestacións culturais e artísticas saltase ata as aulas universitarias e prendese a través da reflexión no alumnado, inseríndose no seu currículo académico. As Faíscas pretenden conectar o que a USC realiza no eido cultural e artístico co que se está estudando nas aulas e forman parte da programación do Outono Cultural integrado por un amplo e diverso abano de actividades no que música, teatro, danza, exposicións, faladoiros, cursos ou propostas audiovisuais danse a man.
De xeito paralelo á vaga ‘Un rastro de furia e algas. Reflexións sobre o futuro do planeta Terra’, as Faíscas tamén serviron este curso para render tributo ao Seminario de Estudos Galegos a través da serie de iniciativas que levou por título ‘Saber de Nós. Unha ollada ao centenario da creación do SEG’.









