Ir o contido principal

Biocen gaña o primeiro premio do XII Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores da USC

Beatriz Omil, de Biocen, logo de recoller o diploma correspondente ao primeiro premio
Beatriz Omil, de Biocen, logo de recoller o diploma correspondente ao primeiro premio

Biocen é o proxecto gañador da duodécima edición do Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores da USC, polo que recibiu 5.000 euros e ata outros 24.000 de financiamento mediante préstamo participativo. O negocio proposto dedicarase á reutilización de cinzas de biomasa e industria madeireira como fertilizantes orgánicos en cultivos forestais, agricultura ecolóxica e agricultura tradicional.

Os seus promotores, o profesor Agustín Merino e a enxeñeira Beatriz Omil, sinalan que o carbón vexetal que conteñen as cinzas permite mellorar a fertilidade do solo e contribúe a loitar contra o cambio climático. Ademais, na actualidade a maior parte das cinzas que se xeran nas plantas de biomasa van parar aos vertedoiros ocasionando un problema de contaminación o que á súa vez ten un custe asociado ás empresas similar ao de tamizar as cinzas, transportalas e esparcilas. Explotacións agrogandeiras e forestais, grupos empresariais, comunidades de montes veciñais e cooperativas agrarias atópanse entre os potenciais clientes deste proxecto que prevé a contratación de tres persoas e dúas máis logo do primeiro ano de actividade. No Salón Nobre do Colexio de San Xerome, xunto a Biocen recibiron o resto de premios os proxectos Geneaqua, 2º na categoría de Premio Base Tecnolóxica; Menus.es, 1º premio Empresa Xove; Recursos y servicios gerontológicos gallegos, 2º premio da modalidade Empresa Xove; e Deroceras, premio Muller Emprendedora. Na entrega, presidida polo reitor Juan Casares, interviñeron ademais o vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua, Francisco Durán; o subdirector xeral de Apoio á Contratación, aos Emprendedores e ao Traballo Autónomo, Jorge Barros de la Peña; o vicerreitor adxunto de Investigación e Innovación, Pablo Ramil; e o director do programa Uniemprende, Carlos Hernández Sande. Geneaqua Geneaqua, 2º premio de base tecnolóxica dotado con 3.000 euros, é unha empresa constituída en 2011 dedicada a prover servizos de mellora xenética que faciliten ás empresas acuícolas, nacionais e internacionais, unha mellora da súa produción de maneira rendible e sostible, baseándose na aplicación de técnicas de xenética molecular e campos afíns. O seu alto grao de innovación é o seu factor diferencial, concretado na transferencia inmediata ás empresas do sector do coñecemento desenvolvido nos centros de investigación e universidades arredor de técnicas especializadas no desenvolvemento de marcadores moleculares específicos para cada especie acuícola e empresa. O equipo promotor está composto polo doutor en Veterinaria Adrián Millán, a especialista universitaria en dirección de empresas evolucionadas Mónica Otero, e o catedrático en Xenética Paulino Martínez. Empresa Xove Na modalidade empresa xove, articulada en dous premios de 2.500 e 1.500 euros respectivamente, o primeiro foi para Menus.es, iniciativa empresarial constituída en 2011 que ofrece información diariamente actualizada de menús, cupóns de desconto e restaurantes xeolocalizados de toda España a través dunha plataforma web. Os usuarios poden acceder a información relativa ao menú de cada restaurante, distancia á que se atopan, prezo do prato, restaurantes concretos ou menús de distinta tipoloxía, entre outras posibilidades. Na actualidade xa traballan na empresa trece persoas, tres en Lugo, nove en Coruña e unha en Madrid, estando prevista a incorporación de dúas máis de xeito inmediato. Ao longo deste ano, en total, incorporaranse ao cadro de persoal dez persoas. Roi Correa, de Ciencias Empresariais da USC, e Joaquín de Santiago, de Enxeñaría Técnica en Informática de Xestión na Universidade de Vigo, son os promotores. O segundo dos galardóns nesta categoría foi para ‘Recursos y servicios gerontologicos gallegos’ , proxecto que busca o coidado das persoas nos seus respectivos enderezos o máximo tempo posible. Esta iniciativa inclúe un servizo de teleasistencia avanzada baseada na comercialización de Telexerontoloxía, dispositivo capaz de achegar ás persoas maiores a través de internet diferentes funcionalidades dos campos da saúde e social como o entretemento cognitivo, a posibilidade de contactar con profesionais por medio de videoconferencia ou a posibilidade de seguir en liña sesións de rehabilitación física. Constituída o pasado ano, na empresa traballan dez persoas, coa previsión de que nos próximos meses esta cifra se poda incrementar noutros catro traballadores. Os seus promotores son o catedrático da Universidade da Coruña José Carlos Millán, o licenciado en Dereito Sergio Diéguez e María Luisa Ansorena, presidenta da Unión Democrática de Pensionistas e Xubilados da Coruña. Muller emprendedora O premio Muller Emprendodra desta convocatoria do concurso recaeu en Deroceras, proxecto dedicado aos servizos de alto valor engadido encamiñado a prestar servizos de consultaría especializada en xestión e control de especies ‘praga’ de invertebrados terrestres (caracois e babosas). Entre os seus cometidos, o proxecto inclúe a consultaría, asesoramento e a investigación tanto na xestión de especies praga como nos métodos de control biolóxico e novas alternativas de control. A idea xorde dunha liña de investigación propia do grupo de Malacoloxía. Neste senso, as alertas para a aplicación de pesticidas é un servizo totalmente innovador xa que non existe competencia actualmente e basearase no desenvolvemento de modelos de predición de actividade e abundancia de especies dunha praga e non soamente baseados na presenza ou ausencia da especie, no que se basean os modelos actuais. O equipo de promotoras está integrado polos doutores en Bioloxía María Córdoba e Javier Iglesias, a licenciada en Bioloxía Paula Ribadulla e o catedrático José Castillejo, todos eles da USC.

O xurado encargado de avaliar as 34 propostas presentadas a concurso valoraron a súa viabilidade, o grao de innovación dos produtos ou servizos ofrecidos, o volume de emprego proxectado, o seu carácter multidisciplinar ou a súa atención ás políticas de igualdade.

Beatriz Omil e Agustín Merino son os promotres de Biocen Adrián Millán e Mónica son dous dos promotres de Geneaqua Roi Correa e Joaquín de Santiago María Luisa Ansorena, no centro, é unha das promotoras de Recursos y servicios gerontologicos gallegos Javier Iglesias, Paula Ribadulla e María Córdoba, tres dos catro promotores de Deroceras

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.02.2012.