O Biogroup da USC instala na depuradora da Silvouta unha plataforma de ensaios de tratamento de augas
O equipo Biogroup da Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) da USC conta dende este mércores na planta depuradora da Silvouta cunha plataforma para ensaios de tratamento de auga na que desenvolverá varios proxectos, entre eles dous europeos. O proxecto foi financiado polo Ministerio de Economía e Innovación e apoiado por Augas de Galicia, Confederación Miño-Sil, Acuaes e o Concello de Santiago de Compostela.
Plenta, a primeira instalación destas características en España, vai permitir a validación a escala piloto de novas tecnoloxías de tratamento de augas empregando auga real. Os seus responsables advirten ademais de que calquera empresa ou centro de investigación poderá validar nela os seus equipos. Por outra banda, como apunta o profesor da USC e membro do grupo, Juan Lema Rodicio, os traballos realizados neses laboratorios “poderían ser de interese” para facilitar datos de deseño para a próxima planta de tratamentos de augas de Santiago de Compostela.
O grupo que traballará nas novas instalacións, Biogroup, licenciou nos últimos tres anos un total de nove patentes sobre tecnoloxías de tratamento de augas ás empresas SUEZ, Aqualia e Espina Obras hidráulicas. Este equipo da ETSE forma parte de CRETUS, unha agrupación da USC formada por 8 grupos de investigación titulares e 5 asociados e composta por 38 profesores e 98 investigadores, que traballa cunha visión pluridisciplinar e transversal sobre tecnoloxías ambientais en todos os seus procesos.
Á inauguración desta instalación asistiron a vicerreitora de Investigación, Isabel Rodríguez-Moldes; o alcalde de Santiago, Mariño Noriega; o concelleiro de Medio Ambiente, Xan Duro; o delegado en Galicia de Viaqua, Julio Masid; o xefe de operacións de Viaqua, Jose Antonio del Rey; o director xeral de Augas de Galicia, Roberto Arias; o director técnico de Augas de Galicia, Gonzalo Mosquera; o director de Cetaqua, Alberto Sánchez; a decana da Facultade de Química, Pilar Bermejo; e un nutrido grupo de investigadores, docentes e técnicos do Departamento de Enxeñaría Química e da agrupación estatréxica CRETUS.
Foto de grupo de autoridades e asistentes á inauguración (Foto: Iria Lema)