Ir o contido principal

BioIncubatech abre unha convocatoria de apoio para micropemes e proxectos empresariais da saúde e o sector alimentario

O reitor Antonio López nun momento da presentación. Foto: Santi Alvite
O reitor Antonio López nun momento da presentación. Foto: Santi Alvite
Trátase da primeira bioincubadora de Galicia e a única en España especializada neste dous ámbitos de actuación
Lugo, Santiago de Compostela

Fomentar a innovación e a transferencia de biotecnoloxía no ámbito da saúde e as tecnoloxías alimentarias ás micropemes é o obxectivo da primeira convocatoria de BioIncubatech, primeira bioincubadora de Galicia e a única en España especializada neste dous ámbitos de actuación. BioIncubatech é unha iniciativa da USC financiada pola Fundación INCYDE dentro do programa FEDER de Crecemento Intelixente a través do Organismo Intermedio Cámara de Comercio de España e pola GAIN. Son socios da USC neste proxecto a propia Cámara de Comercio e a incubadora de empresas Uninova.

A USC presentou este martes 15 a convocatoria de BioIncubatech nunha sesión presidida polo reitor Antonio López Díaz, e á que tamén asistiron a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey Vilar; o alcalde do concello de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; a directora de Proxectos FEDER da Fundación INCYDE, Natalia Vázquez Poza; e o vicepresidente segunda da Cámara de Comercio de Santiago, José Carballo García.

Convocatoria
A convocatoria, aberta ata o próximo 15 de novembro, está dirixida a micropemes e proxectos empresariais do ámbito biotecnolóxico, nas áreas de saúde e tecnoloxías alimentarias, cun enfoque innovador e diferenciador con respecto a outras solucións existentes no mercado. As candidaturas poderán presentarse en catro apartados atendendo á súa fase de desenvolvemento: preincubación (proxectos en fases iniciais, sen inicio de actividade e sen plan de negocio ou con un non validado); incubación (empresas constituídas, cun plan de negocio inicial e con incipiente acceso ao mercado); aceleración (empresas constituídas, cun plan de negocio xa desenvolvido e cun acceso ao mercado significativo); e incubación virtual (proxectos en calquera fase de desenvolvemento e que non precisen aloxamento físico. Os proxectos incubados virtualmente poderán beneficiarse das instalacións comúns, a infraestructura científica e/ou os programas de apoio).

As candidaturas recibidas serán avaliadas pola Comisión de Dirección Operativa de BioIncubatech. Poden consultar as bases na web do proxecto.

BioIncubatech
A singularidade de BioIncubatech con respecto a outros programas de incubación e aceleración de empresas “radica na combinación de oferta de espazo, acceso a infraestrutura científicas e programas de apoio”, tal e como explicou na súa presentación José Luis Villaverde, director da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC e responsable do proxecto. “Mentres outras aceleradoras ofrecen fundamentalmente espazo e financiamento directo, en Bioincubatech ponse a disposición dos novos proxectos empresariais unha infraestrutura científica e unha serie de programas de apoio que poden incidir en aspectos como a protección e incorporación de nova tecnoloxía (patentes), na internacionalización da actividade ou na conformación dos equipos directivos, por mencionar so algúns casos”.

Esta nova infraestrutura, cuxa sede está situada no edificio Emprendia da USC, ofrece apoio e espazo para a incubación tanto de micropemes como de proxectos do ámbito biotecnolóxico: espazos de traballo privativos (laboratorios e oficinas); instalacións e equipamentos especializados en réxime compartido (salas: branca, de cultivo celular, de bioloxía molecular, de equipamentos de gran volume e de almacenamento de mostras); ademais de programas coordinados de apoio no ámbito da transferencia de tecnoloxía, desenvolvemento de negocio, internacionalización e financiamento.

Alén do acceso á infraestrutura científico-técnica da USC proporcionada, as empresas usuarias de BioIncubatech contarán cunha serie de programas de apoio en catro eidos fundamentais de actividade: a transferencia de coñecemento e xestión da innovación; captación e xestión de talento directivo; coordinación e networking internacional; e captación de investimento e xestión financeira.

Os detalles da convocatoria presentáronse este martes no transcurso dunhas xornadas. Foto: Santi Alvite De esquerda a dereita Natalia Vázquez, Patricia Argerey, Antonio López, Xosé Sánchez e José Carballo. Foto: Santi Alvite

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.12.2019.