Ir o contido principal

BioIncubaTech impulsa máis de 150 xuntanzas en liña no seu primeiro Biomatch

No evento tomaron parte un total de 53 entidades en seis rondas de xuntanzas
No evento tomaron parte un total de 53 entidades en seis rondas de xuntanzas
Organizado conxuntamente con Bioga, este evento está destinado a impulsar a xeración de novos contactos profesionais a través de citas rápidas entre empresas incubadas con outras entidades
Santiago de Compostela

BioMatch, o evento destinado a impulsar a xeración de novos contactos profesionais a través de citas rápidas entre empresas incubadas con outras entidades, acaba de celebrar a súa primeira sesión en liña impulsada pola incubadora de alta tecnoloxía BioIncubaTech e o Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida Bioga. A finalidade desta iniciativa na que toma parte a USC é xerar sinerxías e novos proxectos de colaboración entre as entidades participantes.

No evento tomaron parte un total de 53 entidades en seis rondas de xuntanzas, o que deu lugar a un total de 156 citas. Con estas xuntanzas procúrase que as empresas participantes se dean a coñecer e poidan crear unha rede de contactos no ecosistema biotech a través do networking, alén de xerar novas oportunidades de negocio.

O encontro iniciouse coa benvida de José Luis Villaverde, director da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC e responsable de BioIncubaTech, xunto a Loli Pereiro, xerente de Bioga. A continuación, desenvolveuse o relatorio ‘A hibridación tecnolóxica como base da nova cadea de valor en saúde’, a cargo de Sergio Muñoz Lezcano, responsable de Innovación e Emprendemento e Coordinador da Plataforma Española de Innovación en Tecnoloxía Sanitaria. Acto seguido, comezaron as reunións “one-to-one”, de 20 minutos.

Iniciativa única en España

BioIncubaTech é a primeira bioincubadora de Galicia e a única en España especializada en proxectos biotecnolóxicos aplicados á saúde e ao sector agroalimentario. Esta iniciativa ofrece dotación de infraestruturas e programas de incubación e aceleración para conseguir atraer talento emprendedor e resultados de investigación de todo o mundo a Galicia. BioIncubaTech está promovida pola USC en colaboración con Uninova e a Cámara de Comercio de Santiago, alén de ser financiada pola Fundación INCYDE na súa convocatoria 2018 de ‘Incubadoras de Alta Tecnoloxía para o fomento da Innovación e a transferencia de tecnoloxía a micropemes’ (Fondos FE-DER), e cofinanciada pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia.

Bioincubatech forma parte do Polo de Innovación en Biotecnoloxía que se está a crear en Santiago de Compostela, onde se instalará o centro de fabricación avanzada Sionlla Biotech, que se integrará no Hub de innovación dixital DATAlife liderado por Bioga.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.10.2020.