Bioloxía acolle unha xornada conmemorativa do Día Mundial do Solo
Coincidindo coa conmemoración do Día Mundial do Solo, Bioloxía acolleu a celebración dunha xornada co lema ‘Os solos: a orixe dos alimentos’ que busca concienciar sobre a importancia de protexer, conservar e mellorar os solos e o seu impacto na produción de alimentos saudables. Na organización deste evento, coincidiron as seccións de Bioloxía e de Solos e Medio Ambiente da Sociedade Española da Ciencia dos Solos (SECS), en colaboración coa súa delegación territorial en Galicia e a USC.
A vicedecana de Bioloxía, Otilia Reyes, e a directora de Cretus, María Teresa Moreira, inauguraron o encontro, xunto con Montserrat Díaz Raviña (MBG-CSIC Sede Santiago), e os profesores da USC Carmen Monterroso e Xosé Luís Otero. Neste sesión presentaron a edición do cómic Vivir en el suelo así como a edición en galego do marcapáxinas Un solo vivo. No desenvolvemento da xornada Rocío Millán (CIEMAT) pronunciou o relatorio ‘Recuperar o solo para a recuperar a vida’ que deu paso ás intervencións de Adrián González-Guzmán sobre ‘Mellora da produtividade vexetal mediante a interacción fungos entomopatóxenos-trigo-solo’ e de Jesús Simal Gándara, da UVigo, reflexionando sobre as claves dun futuro alimentario sustentable.
Para completar a xornada celebrouse unha mesa redonda arredor do lema deste ano do Día Mundial do Solo, ‘O solo: orixe dos alimentos’ e no que destacou a multidisciplinariedade de enfoques para abordar a cuestións da man dos/as especialistas participantes. A xornada concluíu cunha sesión de portas abertas no Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC.