Ir o contido principal

Bioloxía, Ciencias da Comunicación e Física inician unha experiencia piloto de adianto de peche das instalacións

Física é xunto con Bioloxía e Ciencias da Comunicación un dos centros nos que se desenvolverán as experiencias piloto. FOTO: Santi Alvite
Física é xunto con Bioloxía e Ciencias da Comunicación un dos centros nos que se desenvolverán as experiencias piloto. FOTO: Santi Alvite
Esta medida, xunto con outras, foi acordada por amplo consenso polos responsables das facultades, escolas e outros centros da USC nunha xuntanza mantida este mércores
Santiago de Compostela

As facultades de Bioloxía, Física e Ciencias da Comunicación serán os centros que ao longo das vindeiras semanas porán en marcha un proxecto piloto de adianto no horario de peche das súas instalacións de acordo co establecido no Plan de Estratexia Enerxética da USC. Logo da xuntanza mantida este mércores, 9 de novembro, cos responsables das facultades, escolas e outros centros da institución, acadouse un amplo consenso para acometer os devanditos cambios no horario ordinario, así como outras medidas.

Nos primeiros días de peche, a Área de Infraestruturas manterá un seguimento estreito para valorar o desenvolvemento desta experiencia piloto e porase en contacto con estes centros para implementar as devanditas medidas e facer un seguimento continuo. En semanas sucesivas, unha ducia de centros máis modificará o seu horario pechando, como mínimo, unha hora e media antes do seu horario habitual. No curso 2023/2024 está previsto que todos os centros adapten o seu horario ás condicións de aforro enerxético.

Control de acceso

Con carácter xeral, acordouse desactivar o acceso aos centros con tarxeta fóra do horario ordinario, tanto de luns a venres como as fins de semana e festivos. As persoas que necesiten acceder ao centro fóra do horario de apertura deberán facer unha solicitude de acceso na que se indique o día ou días particulares nos que debe acceder, o horario durante o que vai permanecer no centro e unha declaración responsable sobre o obxecto da actividade concreta que vai desenvolver e da súa necesidade. Esta mesma medida será de aplicación tamén durante o período festivo correspondente ao Nadal.

Os investimentos en obra RAM (Reparación, Acondicionamento e Mellora) foron outras das cuestións abordadas. Así, acordouse dar prioridade ao investimento en obras que contribúan aos obxectivos de aforro e eficiencia descritos no Plan de Estratexia Enerxética.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.11.2022.