Bioloxía, Ciencias, Física, Matemáticas e Química impulsan o certame de fotografía ‘A Ciencia en Imaxe’
As Facultades de Bioloxía, Ciencias, Física, Matemáticas e Química da USC convocan en colaboración coa Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) o certame de fotografía ‘A Ciencia en Imaxe’, aberto a calquera tema relacionado coas ciencias, a investigación e a divulgación científica. O prazo para inscribirse na sétima edición deste concurso estenderase dende este luns 25 de outubro ata o día 5 de novembro de 2021. O rexistro é de balde e terá lugar no momento no que a persoa concursante envíe o formulario de inscrición e o arquivo das súas fotografías ao enderezo electrónico fcdeca [at] usc.es (fcdeca[at]usc[dot]es).
Cada participante poderá presentar un máximo de tres imaxes, dixitalizadas e realizadas con calquera equipo, profesional ou afeccionado, incluído o teléfono móbil. A fotografía enviada debe ser orixinal, inédita (non publicada en calquera medio de comunicación, ata dixital) e non presentada a concursos. De ser o caso, o autor sería inmediatamente descualificado. A fotografía virá acompañada dun título e pode incluír un breve comentario ou reflexión do autor. As características técnicas poden consultarse nas bases do certame.
Outorgarase un primeiro premio de 300 euros, así como un segundo e un terceiro de 100 euros cada un. O xurado estará composto por un membro de cada centro da USC, un membro da RAGC e un experto en fotografía. Ademais, serán membros do xurado o decano, ou persoa en que delegue, e a vicedecana da Facultade de Ciencias que actuarán como presidente e secretaria respectivamente. O xurado decidirá por maioría as fotografías premiadas segundo os criterios de orixinalidade, estética, conciencia social, capacidade crítica e comunicativa e adecuación ao tema proposto.