Ir o contido principal

Bioloxía e Ciencias Políticas de Santiago e Enxeñaría Industrial de Vigo vencen na décimo segunda edición do Concurso de Ideas Empresariais Innovadoras da USC

Bioloxía e Ciencias Políticas de Santiago e Enxeñaría Industrial de Vigo vencen na décimo segunda edición do Concurso de Ideas Empresariais Innovadoras da USC
Bioloxía e Ciencias Políticas de Santiago e Enxeñaría Industrial de Vigo vencen na décimo segunda edición do Concurso de Ideas Empresariais Innovadoras da USC

Cultivo sustentable de setas sobre substrato consistente en pousos de café, vehículos eléctricos de uso profesional con alto valor engadido, The interactive cell, vinagre balsámico galego e software de rastrexo documental SRD son as denominacións das cinco iniciativas que acadaron os premios do XII Concurso de Ideas Empresariais Innovadoras da USC. Os autores, dous homes e tres mulleres, pertencen ou pertenceron ás Facultades compostelás de Bioloxía e Ciencias Políticas e á Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Industriais de Vigo. Os premiados recibiron os galardóns nun acto celebrado en San Xerome e presido polo reitor Juan Casares. Participaron tamén o subdirector xeral de Apoio á Contratación, aos Emprendedores e ao Traballo Autónomo, Jorge Barros; a vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade, Benita Silva; o vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua, Paco Durán; e o director de Uniemprende, Carlos Hernández. A esta nova convocatoria, dirixida á comunidade universitaria galega de calquera área de coñecemento, presentáronse un total de 241 ideas, das que só cinco reciben hoxe os 600 euros de premio unha vez valorada a súa viabilidade empresarial, o carácter innovador, o grao de madurez, o mercado e a aplicación de políticas de igualdade. Ademais, os gañadores terán a oportunidade de realizaren un seminario de formación de planificación empresarial para converter a idea en proxecto empresarial. O xurado O xurado do concurso estivo presidido polo vicerreitor de Investigación e Innovación da USC, Francisco González, actuando como secretario Carlos Hernández. Foron vogais o secretario xeral de Universidades, Alberto Díez de Castro; o director xeral de Promoción do Emprego, Andrés Hermida; os vicerreitores Paco Durán e Benita Silva; a decana de Ciencias Económicas da USC, Emilia Vázquez; a directora da Cátedra Bancaja Mocidade Emprendedora da USC, Loreto Fernández; a directora da Cátedra Jaime Vera de Emprendemento Social da USC, Elena Vázquez; a directora xeral de Bic Galicia, Maite Cancelo; e o director de Promoción de Xesgalicia, José Manuel Ortigueira. Cultivo de setas sobre substrato de pousos de café A idea do titulado en Bioloxía da USC Ignacio Mielgo de Luque consiste na creación dunha granxa de cultivo sustentable de setas crecidas sobre substratos reciclados da súa zona de influencia, concretamente os pousos de café recollidos diariamente en cafeterías de Vigo. As especies a cultivar serán seta ostra e shiitake, que se comercializarán frescas, deshidratadas e conxeladas. Ademais os autores, que xa teñen madura a idea, están deseñando un kit de autocultivo para que sexa o cliente quen o faga na súa casa. Con esta idea, moi estendida en rexións cafeteiras como Colombia e coa que se reciclarían arredor de 1.000 quilogramos de café ao mes, obteríase una seta cunhas características organolépticas moi distintas ás que se comercializan hoxe. Vehículos eléctricos de uso profesional con alto valor engadido O proxecto dos irmáns enxeñeiros industriais da UVigo Plácido José e Florentino Míguez Durán consiste na fabricación de furgóns ou vehículos eléctricos lixeiros de uso profesional equipados con elementos tecnolóxicos, técnicos e de deseño que lle acheguen valor engadido ao produto final. O innovador da proposta xustifícase na inexistencia no mercado de vehículos eléctricos coas características específicas deste: sistema de tracción eléctrica, deseño exterior, capacidade de circular á velocidade máxima establecida por todo tipo de vías nun peso máximo autorizado de 1.600Kg. O produto sería construído coa industria xa existente en Galicia e comercializarase coa fórmula do renting, aínda que non descartan a fórmula de venta tradicional se o cliente o demanda. The interactive cell (TIC) A estudante de Bioloxía da USC Ana Paula de Felipe propón “aprender xogando” cun programa de ordenador no que o usuario, convertido no personaxe ‘proteína’, poderá observar a célula desde dentro e participar nos mecanismos que teñen lugar nela tentando mantela sempre con vida. O xogo contempla distintos niveis, dende o dirixido a estudantes de primaria ata o universitario. Formula o formato ben como un xogo-CD ou como un arquivo de descarga gratuíta en internet con pagos concretos a medida que se van superando as distintas fases. Elaboración de vinagre balsámico galego (Vinagre balsámico mencía) A bióloga pola USC Paticia Amado Vidal pretende elaborar un vinagre balsámico orixinario de Galicia (Zona Ribeira Sacra) que permita elevar o valor engadido dos produtos da zona, ademais de incorporar unha nova referencia nun mercado en forte crecemento. Escolleuse a variedade de uva mencía dada sas súas similitudes coas variedades de uva da zona italiana de Emilia-Romaña, berce do Acceto balsámico. Software de rastreo documental (SRD ) Por último, a titulada en Ciencias Políticas da USC Cristina Vidal Martínez suxire desenvolver un software de rastreo documental (SRD) que permita facer un seguimento de toda acción asociada a un documento posibilitando identificar cando se fan accesos, copias, envíos ou modificacións, proporcionando ao autor orixinal un reporte instantáneo desa actividade. Tería utilidade en casos de filtracións de exames ou de espionaxe industrial. SRD sería un software parasito para os formatos word, PDF, excel... de maneira que complemente os sistemas de seguridade existentes.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.09.2011.