Ir o contido principal

Bioloxía homenaxeou a Antonio Casares cunha conferencia sobre a súa vinculación coas ciencias naturais

De esquerda a dereita, María Luz González, Juan Casares e Ánxela Bugallo (Foto: Alfonso SERVIMAV)
De esquerda a dereita, María Luz González, Juan Casares e Ánxela Bugallo (Foto: Alfonso SERVIMAV)
O ‘Ano Antonio Casares Rodríguez (1812-2012)’ conmemora o douscentos aniversario do nacemento do pai da Química moderna en Galicia

Proseguindo coas actividades do Ano Antonio Casares Rodríguez (1812-2012) que a USC leva a cabo no douscentos aniversario do nacemento do considerado pai da Química moderna en Galicia, a Facultade de Bioloxía acolleu este martes 13 unha homenaxe ao que ademais fora reitor da institución académica.

O acto presidiuno o reitor Juan Casares Long e nel, ademais da decana da Facultade, María Luz González Caamaño, interveu a profesora do Departamento de Didáctica das Ciencias Experimentais da Universidade da Coruña Ánxela Bugallo coa conferencia ‘Casares e a súa relación coas ciencias naturais’. Bugallo destacou a dedicación de Antonio Casares ao estudo e experimentación pero, por riba de todo, a súa vocación á divulgación das ciencias e á súa aplicación práctica na mellora da vida, sendo ademais pioneiro en establecer as clases prácticas dentro do ensino universitario. A de Bioloxía é a primeira Facultade que acolle un acto destas características, aos que se sumarán en datas vindeiras Farmacia, Química, Matemáticas (este xoves 15) e Física con conferencias nas que quedará de manifesto a vinculación de Antonio Casares con cada unha destas ciencias. Antonio Casares foi un científico innovador pioneiro na preparación do cloroformo para a súa utilización como anestésico ou partícipe nos primeiros ensaios coa luz eléctrica (foi o primeiro que xerou luz eléctrica en España, nun experimento realizado no claustro da Facultade de Xeografía e Historia). Ademais, destaca o seu labor analítico en campos como a espectroscopía, a análise de augas e viños; os ditames periciais; o descubrimento dos minerais Morenosita e Zaratita ou a estación meteorolóxica (montou o primeiro observatorio meteorolóxico de Galicia), entre outros.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.11.2012.