Ir o contido principal

Bioloxía e Matemáticas, de olimpíada

Foto dos/as participantes momentos antes de enfrentarse aos tres primeiros problemas da proba. Foto: Servimav USC
Foto dos/as participantes momentos antes de enfrentarse aos tres primeiros problemas da proba. Foto: Servimav USC

Rapaces e rapazas de numerosos centros de ensino secundario de toda Galicia participan este venres na USC nas fases autonómicas das Olimpíadas Estatais de Matemáticas e Bioloxía, a celebraren cada unha na súa correspondente facultade. Na fase autonómica da IX Olimpíada de Bioloxía participan 107 estudantes de Bioloxía de 2º de bacharelato de máis de 30 centros, que comezaron a proba cun exame tipo test centrado na base molecular e fisico-quimica da vida, cunha duración dunha hora e corenta e cinco minutos. Tras un breve descanso terá lugar a parte práctica. Xa para a tarde está prevista unha visita aos laboratorios de investigación da Facultade de Bioloxía e do CIBUS. Nesta edición o profesor Jesús Domínguez Conde, etólogo do Departamento de Zooloxía e Antropoloxía Física da USC, impartirá ademais a conferencia ‘Descubrindo o comportamento animal’. A clausura e entrega de diplomas terá lugar as 18:00 horas na Aula Magna da Facultade coa presenza do director xeral de Educación e Innovación Educativa da Xunta de Galicia, os decanos das tres Universidades galegas, o do Colexio Oficial de Biólogos, a directora do Grupo de Traballo de Bioloxía da CIUG e o delegado da Olimpíada Española de Bioloxía (OEB). A IX Olimpíada de Bioloxía, convocada anualmente e organizada pola OEB en colaboración co Colexio Oficial de Biólogos de Galicia, a Xunta e as tres Universidades galegas, celébrase co obxectivo de fomentar os estudos relacionados coa Bioloxía e promover o interese pola investigación. Matemáticas Pola súa banda, para a L Olimpíada Matemática Española cóntase en Galicia co patrocinio de EDISA Centro de Innovación cuxo presidente, Alfonso Amorín, foi profesor do Departamento de Álxebra da Facultade de Matemáticas, coa que continúa colaborando. A competición diríxese ao alumnado de bacharelato – e excepcionalmente da última etapa da ESO que acredite especiais aptitudes así como integrantes do proxecto EsTalMat-Galicia– e nela selecciónanse as tres persoas que formarán o equipo que represente a Galicia na Fase Nacional, a celebrar do 27 ao 30 de marzo na localidade valenciana de Requena. O programa comezou cunha sesión matinal de tres horas e media para resolveren tres problemas que se repetirá de igual maneira pola tarde.

A Olimpíada, que convoca anualmente a Real Sociedade Matemática Española, ten como obxectivo fundamental estimular o estudo das matemáticas descubríndoas fóra dos ríxidos temarios curriculares e dos chamados exercicios tipo.

Na IX Olimpíada de Bioloxía participan 107 estudantes de Bioloxía de 2º de bacharelato de máis de 30 centros. Foto: Servimav USC

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.01.2014.