Ir o contido principal

Bioloxía e Psicoloxía, novos centros da USC con Sistemas de Garantía de Calidade

O acto de entrega celebrouse no Colexio de San Xerome. Foto: Servimav-USC
O acto de entrega celebrouse no Colexio de San Xerome. Foto: Servimav-USC

As facultades de Bioloxía e Psicoloxía recibiron este venres 9 os diplomas acreditativos dos certificados de implantación de Sistemas de Garantía de Calidade (SGC) expedidos pola Axencia pola Calidade do Sistemas Universitario de Galicia nos citados centros. Antonio Seguras Iglesias, decano de Bioloxía, e Mª Lourdes Mirón Redondo, de Psicoloxía, recibiron as súas respectivas credenciais de mans do reitor Antonio López e do vicerreitor de Planificación e Proxección Estratéxica, Gumersindo Feijoo Costa.

O reitor afirmou durante o acto de entrega que a implantación de Sistemas de Garantía da Calidade nos centros universitarios dá visibilidade ao compromiso da USC coa cultura da calidade, “ temos que ser capaces de demostrar que realizamos axeitadamente, con calidade, as nosas misións como institución. Con esta certificación dicimos que hai un sistema, que está implantado e en funcionamento”. “Temos que avanzar neste camiño” engadiu Antonio López, “ten que ser unha cultura que trascenda a toda a comunidade universitaria”.

En nome dos seus respectivos centros, Antonio Segura e Mª Lourdes Mirón coincidiron en agradecer a implicación, tanto dos equipos decanais presentes como anteriores e das súas respectivas comunidades universitarias na implantación dos citados sistemas de garantía, por entender que a consecución da certificación é froito do “esforzo colectivo, un éxito de todos”.

Estas dúas novas certificacións súmanse ás entregadas o pasado mes de xullo á Escola Politécnica Superior de Enxeñaría e á Facultade de Ciencias. O SGC busca propiciar a mellora continua nos centros da Universidade compostelá, permitíndolles acadar niveis de calidade que faciliten a acreditación e renovación dos títulos que se imparten nelas. O SGC marco da USC deseñouse seguindo o modelo da axencia de calidade nacional e autonómica ACSUG, e estaba articulado inicialmente en sete directrices de acordo co programa FIDES-AUDIT pasando a distribuírse en seis directrices na súa última versión, que dá resposta aos criterios e directrices europeos para a garantía da calidade (ESG).

De esquerda a dereita, Gumersindo Feijoo, Antonio López, Antonio Segura e Mª Lourdes Mirón. Foto: Servimav-USC

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.11.2018.