Ir o contido principal

BioReDes dá pulo ao I+D+i

Juan Luis Fernández explica un proxecto de I+D a outros investigadores de BioReDes
Participantes na xuntanza da comisión de seguimento de proxectos de I+d+i apoiados por BioReDes
A agrupación estratéxica de investigación do Campus Terra favorece proxectos ao Plan Nacional de I+D, a creación de grupos operativos, e alimenta as transferencias
Lugo

A agrupación estratéxica de investigación do Campus Terra da USC (BioReDes), na que se integran 16 grupos de investigación da sede universitaria luguesa, ten contribuído na aínda súa curta existencia ao impulso do labor científico e a ampliación do ‘teito’ do I+D+i desenvolido pola USC no Campus de Lugo, segundo salienta o director de BioReDes, Paulino Martínez Portela.

O tamén catedrático de Xenética da USC na Facultade de Veterinaria realizou estas declaración este xoves co gallo da celebración da primeira comisión de seguimento dos 14 proxectos de investigación financiados ao abeiro da primeira convocatoria aberta por BioReDes en febreiro de 2019. Esta xuntanza, pensada como un foro de intercambio dos avances das pescudas nas que están a traballar os diversos equipos de investigación, pero tamén como un exercicio de transparencia e dación de contas das actividades promovidas desde BioReDes, está a resultar plenamente satisfactoria, comentou Martínez Portela.

O director da agrupación estratéxica de investigación do Campus Terra da USC engadiu que os proxectos de investigación e a contratación de persoal representan o investimento do 75% dos 405.000 euros de financiamento de que dispón BioReDes. Logo de facer fincapé neste dato, Martínez Portela destacou o alto grao de implicación de todos os grupos de investigación adheridos a BioReDes, así como os avances dos diversos proxectos de I+D aprobados na última convocatoria e que se atopan máis ou menos no ecuador da súa fase de execución.

Alén destas consideracións, o director de BioReDes enfatizou en que esta comisión de seguimento de proxectos de I+D+i serve para constatar que a agrupación está a avanzar na consecución dos obxectivos para os que foi creada. Así, ademais de favorecer a colaboración entre os distintos equipos de investigación e o desenvolvemento de liñas de actuación de carácter multidisciplinar, despois de pouco máis dun ano de existencia, BioReDes non so depara a constitución de grupos operativos, ademais de favorecer a transferencia de investigación ao tecido empresarial e produtivo, senón que tamén actuou como xerme para a presentación de solicitudes de proxectos ao Plan Nacional de I+D, entre outras convocatorias abertas.

Respecto dos proxectos de I+D+i que reciben financiamento de BioReDes, o director da agrupación estratéxica destacou o traballo xa realizado polos diversos equipos e grupos de equipos. A temática destas propostas, que previamente foron supervisadas e avaladas por un comité avaliador externo, é diversa e abrangue ámbitos diferentes, aínda que sempre ligados cos eixos temáticos da agrupación Biorrecursos: Desenvolvemento e Produción Sustentable, nada coa ambición de vertebrar unha estratexia de I+d para o sector primario de Galicia.

A temática dos 14 proxectos colaboratorios nos que traballan os equipos de investigación integrados en BioReDes xunto con algún alleo están estreitamente ligados cos ámbitos da saúde animal e do benestar en acuicultura, lembrou Martínez Portela, ao tempo que avanzou que a actual executiva de BioReDes xa está a traballar para que esta agrupación estratéxica de investigación do Campus Terra da USC teña continuidade no tempo, alén de 2020.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.01.2020.