Ir o contido principal

Boeheringer Ingelheim distingue un proxecto do Campus Terra da USC entre as mellores propostas europeas de I+D sobre PCV2

Gonzalo López Lorenzo, na Facultade de Veterinaria de Lugo
Gonzalo López Lorenzo, na Facultade de Veterinaria de Lugo
O veterinario chantadino Gonzalo López Lorenzo, pertencente ao grupo Invesaga da USC, recollerá en Lyon o galardón, que conta cunha dotación de 25.000 euros

O veterinario chantadino e membro do grupo de Investigación en Sanidade Animal de Galicia (Invesaga) da USC vén de ser galardoado na última edición do Premio European PCV2 Award, un certame de periodicidade anual convocado pola multinacional veterinaria Boehringer Ingelheim e a través do que se distinguen os tres mellores proxectos de investigación europeos sobre Circovirus Porcino Tipo2 (PCV2).

A proposta de I+D presentada por López Lorenzo e galardoada na última convocatoria do European PCV2 Award leva por título ‘Aplicación da detección ambiental do PCV2 a través do emprego da qPCR no estudo epidemiolóxico da infección’. Esta liña de traballo capitaliza a investigación que está a realizar o propio Gonzalo López ao abeiro da tese de doutoramento que está a desenvolver no Departamento de Patoloxía Animal da USC baixo a dirección do profesor Gonzalo Fernández, que tamén forma parte do Invesaga da USC, un equipo catalogado pola Xunta de Galicia como Grupo de Referencia Competitiva. O proxecto de I+d+i presentado por este investigador do Campus Terra da USC á última convocatoria do European PCV2 Award propón a aplicación de detección deste virus en mostras ambientais por qPCR, coa pretensión de poder determinar a diseminación e a transmisión do virus nas explotacións, ademais de testar a influencia da vacinación na eliminación do axente vírico polos animais. Os resultados obtidos ao final deste proceso de investigación permitirán establecer medidas máis eficaces e eficientes en relación ao control e á prevención desta enfermidade, segundo argumenta este doutorando da USC. Gonzalo López, que completou os estudos do grao de Veterinaria do Campus Terra da USC, deberán expoñer a metodoloxía de traballo, así como o alcance e os obxectivos finais do proxecto de I+D+i galardoado no marco da gala de entrega do European PCV2 Award, unha cerimonia que se celebrará o vindeiro mes de febreiro na cidade francesa de Lyon. O proxecto de I+D presentado por Gonzalo López á pasada convocatoria do certame promovido pola multinacional veterinaria Boheringer Ingelheim foi revisado un comité científico independente, cuxos integrantes se ocuparon de seleccionar as tres mellores propostas de investigación chegadas a nivel europeo e orientadas a avanzar no campo da inmunidade, patoxenia e epidemioloxía do PCV2. Os proxectos seleccionados nesta edición foron, ademais do presentado por este investigador do Campus Terra da USC, outras dúas liñas de traballo deseñadas por un equipo de Zurich e outro de Edimburgo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.01.2017.