Ir o contido principal

Bota a andar o certame de Traballos de Fin de Grao e Fin de Mestrado para mellorar as instalacións deportivas de Lugo

O prazo de inscrición permanecerá aberto entre o 1 e o 30 de outubro de 2025. Foto: Santi Alvite
O prazo de inscrición permanecerá aberto entre o 1 e o 30 de outubro de 2025. Foto: Santi Alvite
O prazo de inscrición deste concurso impulsado por USC e Concello de Lugo permanecerá aberto entre o 1 e o 30 de outubro de 2025

USC e Concello de Lugo, a través da Concellaría de Xuventude e Deportes, lanzan o I Concurso de Traballos de Fin de Grao (TFG) e Traballos de Fin de Mestrado (TFM) do Campus de Lugo. Este certame ten como obxectivo premiar a calidade e a innovación de proxectos académicos aplicables ás instalacións deportivas municipais, tanto na súa mellora como na proposta de novas infraestruturas.

As persoas participantes deberán presentar traballos que aborden temáticas relacionadas coas enerxías renovables, as instalacións eléctricas ou de saneamento, as modificacións estruturais ou calquera outra mellora ou explotación das instalacións deportivas. Tal e como subliñaron o vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga, e o concelleiro de Xuventude e Deportes, Jorge Bustos, "queremos que este concurso sexa unha ponte entre o potencial da nosa comunidade universitaria e as necesidades da cidade. Lugo é unha cidade en constante evolución, e este tipo de iniciativas son fundamentais para seguir avanzando".

O prazo de inscrición permanecerá aberto entre o 1 e o 30 de outubro de 2025. Para participar, as persoas interesadas deberán enviar unha copia do TFG ou TFM defendido na convocatoria de xullo do curso 2024-2025, xunto cunha memoria resumo, ao enderezo vr.organizacion [at] usc.es (vr[dot]organizacion[at]usc[dot]es). Os premios, que ascenden a 3.000, 2.500 e 2.000 euros para cada categoría (TFG e TFM), entregaranse nun acto público o 28 de novembro de 2025 no salón de plenos do Concello de Lugo.

Entre os criterios de valoración destacan a claridade na definición de obxectivos e resultados, a viabilidade práctica nas instalacións deportivas do Concello, a orixinalidade e o progreso tecnolóxico, así como a viabilidade económica. O xurado estará composto pola alcaldesa de Lugo, o vicerreitor do Campus de Lugo, un decano ou director de centro, o concelleiro de Xuventude e Deportes e o secretario adxunto ao vicerreitor.

Un dos aspectos destacados deste certame é que o Concello reservarase o dereito de executar os proxectos premiados, asegurando así que as propostas máis innovadoras e viables poidan converterse en realidade. "Non queremos que as boas ideas queden no papel. Este concurso demostra o noso compromiso por transformar Lugo nun referente de innovación e funcionalidade, levando á práctica os proxectos máis destacados", explicaron. "O Campus Terra é moito máis que un espazo académico, é un motor de coñecemento e innovación para Lugo. A súa especialización en áreas como o medio ambiente, as enerxías renovables e o desenvolvemento sostible encaixa á perfección coas prioridades do Concello", concluíron.

O vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga (á dereita), e o concelleiro de Xuventude e Deportes, Jorge Bustos, reuníronse para lanzar o concurso. Foto: Concello de Lugo
O vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga (á dereita), e o concelleiro de Xuventude e Deportes, Jorge Bustos, reuníronse para lanzar o concurso. Foto: Concello de Lugo
Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.01.2025.