Bota a andar a convocatoria 2022 dos Esenciais
O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) promove a elaboración e edición de títulos para a colección Esenciais USC, un recurso orientado a apoiar o traballo do profesorado e do alumnado nos seus diferentes papeis na docencia. Trátase de resumir, en moi poucas follas, unha materia ou unha parte significativa dela, de modo que este material acabe converténdose nunha guía de referencia que acompañe ao alumnado no proceso de aprendizaxe dos contidos dunha materia. Poderá presentar propostas o Persoal Docente e Investigador da USC a título individual ou en grupos de ata un máximo de tres de acordo cos requirimentos que se establecen na convocatoria. O prazo remata o 19 de abril de 2022 ás 14.00 horas.
Os Esenciais constitúen un resumo executivo do curso con información veraz e contrastada fronte a fontes dixitais non verificadas e servirán para mellorar a comunicación lingüística en galego no eido científico na Universidade. Cada autor ou grupo de autores poderá presentar un máximo de dúas propostas. “As candidaturas que se presenten deberán dirixirse preferentemente a fornecer de maneira didáctica e resumida conceptos esenciais dunha materia ou grupos de materias dos primeiros cursos de graos universitarios. Valorarase tamén que poidan ser utilizados en estudos de bacharelato”, explicaron dende o SNL da USC.
Criterios de valoración
A Comisión que valore as propostas terá en conta o mpacto na comunidade universitaria (ata 2 puntos), a implicación dos autores/as no uso do galego na docencia segundo o POD (ata 4 puntos), a coincidencia con actuacións de promoción do uso do galego que o SNL considere prioritarias (ata 3 puntos), o impacto no ensino non universitario (ata 1 punto), o nivel de acabado da proposta (ata 3 puntos) e a novidade, orixinalidade ou pertinencia da proposta (ata 2 puntos). A Comisión de Normalización Lingüística do Claustro procurará tamén que os títulos seleccionados cubran, na medida do posible, as cinco grandes áreas de coñecemento da Universidade de Santiago de Compostela, así como os estudos que se ofrecen tanto no campus de Santiago coma no de Lugo.
Todas as propostas irán dirixidas ao SNL, a través da solicitude xeral do rexistro electrónico da USC e acompañarase un arquivo coa proposta en formato pdf. A Universidade de Santiago de Compostela, a través do seu Servizo de Publicacións e Intercambio Científico, publicará na colección Esenciais USC os quince títulos seleccionados ao longo do presente ano 2022.