Ir o contido principal

Bota a andar a décimo cuarta edición de ESTALMAT-Galicia

O proxecto ESTALMAT-Galicia, está pilotado por membros da Facultade de Matemáticas da USC e de distintos centros de ensino secundario de Galicia. FOTO: Santi Alvite
O proxecto ESTALMAT-Galicia, está pilotado por membros da Facultade de Matemáticas da USC e de distintos centros de ensino secundario de Galicia. FOTO: Santi Alvite
Este sábado 25 de setembro, ás 11.00 horas, na Aula Magna da Facultade de Matemáticas da USC, celébrase o acto de inauguración do curso 2021-22 que, de xeito singular, está integrado por mozas e mozos de 12, 13 e 14 anos, para acoller ás persoas que non puideron tomar parte na edición de 2020
Santiago de Compostela

O proxecto ESTALMAT-Galicia centrado no estímulo do talento matemático bota a andar a súa edición número catorce. Este sábado 25 de setembro, ás 11.00 horas, na Aula Magna da Facultade de Matemáticas da USC, celébrase o acto de inauguración do curso 2021-22 que, de xeito singular, está integrado por mozas e mozos de 12, 13 e 14 anos, para acoller ás persoas que non puideron tomar parte na edición de 2020. Dez alumnas e 20 alumnos participarán na sesión acompañados por unha pequena representación das súas familias, para cumprir co protocolo de docencia segura da USC.

Á inauguración está previsto que asistan o reitor Antonio López, a responsable de ESTALMAT-Galicia e decana da Facultade de Matemáticas, Elena Vázquez Cendón; e o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez. Tamén participarán as profesoras Emilia González Rodríguez e Rosa Pinal Fariñas do IES Otero Pedrayo de Ourense, en representación dos docentes que animan aos estudantes a presentarse ás probas. A presentación da 14ª Promoción correrá a cargo da secretaria do Comité Organizador de ESTALMAT-Galicia, Marina Germiñas Miguens do IES Aquis Celenis-Caldas De Reis. Con respecto á procedencia dos estudantes seleccionados, 21 pertencen á Coruña; tres, a Ourense; e seis, a Pontevedra, representando a 19 localidades diferentes de Galicia.

Campamento

A continuación, as estalmateiras e os estalmateiros sairán en autobús para un campamento matemático durante a fin de semana no Albergue de Ecoturismo Alvarella-Concello de Vilarmaior na Coruña, “o que supón unha toma de contacto entre elas e eles nun ambiente lúdico-matemático”, explica a profesora Vázquez Cendón. No campamento manipularán omnipoliedros,  participarán nun concurso de fotografía matemática, traballarán cos exemplares das unidades didácticas de dous referentes das matemáticas galegas como son Domingo Fontán e María Wonenburger, cedidas polo Consello da Cultura Galega e pola Unidade de Muller e Ciencia, respectivamente; e farán un paseo lóxico-matemático á Torre dos Andrade. Na fin de semana, o alumnado estará acompañado polo responsable do campamento, o profesor Víctor Pollán; a responsable de relación coas familias, María Trinidad Pérez López do IES nº 1 de Ordes; e a profesora  Teresa Otero do IES Antón Fraguas de Santiago de Compostela; ademais de Brais Ares García, Álvaro Carro Viqueira e Aldara Suárez Nóvoa, pertencentes á novena promoción ESTALMAT-Galicia (2015) e, actualmente, estudantes de segundo curso do Grao en Matemáticas da USC.

Na proba, realizada o pasado mes de xuño, participaron un total de 406 estudantes de toda Galicia, 181 rapazas e 225 rapaces. Con data de nacemento no 2007 asistiron 143; no 2008, 211; e no 2009, 52. Este ano, para facilitar a asistencia e respectar as restricións das autoridades sanitarias, o Comité Organizador decidiu descentralizar a proba en seis cidades. Na provincia da Coruña acadouse un ano máis o máximo de participación, cun total de 264 participantes. As probas celebrándose na Facultade de Ciencias da Educación da UDC e na Facultade de Matemáticas da USC. Na provincia de Pontevedra acadouse un total de 105 participantes nunhas probas celebradas no IES Castelao de Vigo e no IES A Xunqueira I de Pontevedra. En Ourense, foron 30 os participantes e contouse coa implicación do IES Eduardo Blanco Amor e, en Lugo, os sete estudantes implicados acudiron á Facultade de Formación do Profesorado da USC. Os participantes cursaban estudos tanto no ensino público (330) como no privado ou concertado (76). Nos seus catorce anos de historia, ESTALMAT-Galicia examinou na Facultade a máis de 4300 estudantes con grande interese polas matemáticas e ten seleccionado a 355 estalmateiras e estalmateiros  para incorporar ás súas actividades.

Durante o curso, os estudantes seguirán un programa de estímulo do talento matemático baixo as directrices do proxecto ESTALMAT-España que, dende o ano 1998, desenvólvese en distintas comunidades como Madrid, Cataluña, Castela e León, Castela-A Mancha, Andalucía, Canarias, Valencia, Cantabria e Illas Baleares. As actividades presenciais terán lugar na Facultade de Matemáticas nas mañás de quince sábados e faranse en remoto outras cinco sesións “despois da positiva acollida das sesións en liña do curso pasado que reducen a mobilidade dos estudantes que non residen en Santiago”, explica a decana de Matemáticas. O próximo curso estará conformado tamén por 20 sesións.

ESTALMAT PI

ESTALMAT-Galicia mantén tamén o programa ESTALMAT PI que supón un terceiro curso que se engade aos dous anteriores. Tendo en conta que a 13º promoción veuse afectada o pasado curso pola pandemia, o programa deste curso académico será máis extenso e terá tamén 20 sesións, sendo seis delas en remoto.

O proxecto ESTALMAT-Galicia, está pilotado por membros da Facultade de Matemáticas da USC e de distintos centros de ensino secundario de Galicia. O programa, avalado pola Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais de España, conta co apoio da USC, da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, a Axencia Galega de Innovación e das Deputacións da Coruña, Lugo e Ourense, alén de empresas como Casio, que achega calculadoras científicas, ou a editorial SM.

Bolsa que se lle entregará ao alumnado participante
Bolsa que se lle entregará ao alumnado participante
Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.09.2021.