Ir o contido principal

Bota a andar a V edición do campus internacional de verán XuvenCiencia

Bota a andar a V edición do campus internacional de verán XuvenCiencia
Bota a andar a V edición do campus internacional de verán XuvenCiencia

O Campus Terra da USC acolleu este luns a inauguración do V campus de Verán XuvenCiencia, un proxecto de divulgación científica con máis de 104 eventos programados e avalado pola participación de 146 docentes da USC e outro persoal de apoio, que se estenderá ata o vindeiro 8 de xullo. Participaron no acto, o vvicerreitor de coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez; a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o deputado provincial Pablo Rivera.

Este campus de verán abriu coa charla ‘Elemental, querido Schrödinger’ a cargo do profesor do Departamento de Física de Partículas da USC Cibrán Santamarina, que fixo o seu doutoramento no CERN, onde sigue a colaborar na actualidade.

A nova edición deste campus, unha iniciativa orientada a estudantado preuniversitario de 4º de ESO e Bacharelato e que se desenvolve baixo o lema ‘Aprendendo desde a experiencia’, presenta un ameno programa de aprendizaxe e convivencia do que gozarán 135 mozos e mozas, a través do que se busca dar a coñecer os distintos itinerarios formativos que poden cursan nas seis facultades e escolas do Campus Terra, así como nos dous centros adscritos: Escola Universitaria de Relacións Laborais e Escola Universitaria de Enfermaría. Do mesmo xeito que en edicións anteriores, presenta tamén un módulo para veteranos.

O estudantado que participa en XuvenCiencia Lugo terá a ocasión de ser protagonista de 26 proxectos científicos, técnicos e sociais que versan sobre áreas de coñecemento moi diversas. Así, as propostas feitas polo Campus Terra da USC para este nova edición do campus abranguen un abano temático moi amplo que vai desde a cor, pigmentos naturais e pH; a enerxía do futuro, simulación dun convertedor de enerxía das ondas mariñas; investigando proteínas; animal CSI; árbores en tubos de ensaio; crea o teu anuncio publicitario; os científicos das letras; ou prácticas clínicas veterinarias.

Entre as distintas actividades programadas figuran ademais visitas aos distintos laboratorios de investigación e servizos do Campus Terra e a centros e empresas colaboradoras (Aula de Produtos Lácteos, Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia, Museo Provincial, Domus do Mitreo, AMSlab, Xenética Fontao, Hospital Universitario Lucus Augusti, Fundación TIC).

Ademais, todo o alumnado preinscrito no Campus de Verán XuvenCiencia 2017, matriculado ou non, poderá optar de forma gratuíta ás cinco prazas patrocinadas por XuvenCiencia na Universidade Júnior do Porto na semana do 17 ao 21 de xullo de 2017. Os/as interesados/as deberán cubrir este formulario antes do 6 de xullo ás 24:00 horas para participar no sorteo que terá lugar a tarde do 7 de xullo, cando se clausurará o campus.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.07.2017.