Bota a andar unha nova edición do curso de Habilidades comunicativas
A USC oferta unha nova edición do curso de Habilidades comunicativas que impulsa o Servizo de Normalización Lingüística. Trátase dunha actividade formativa dividida en tres módulos que poden cursarse de xeito independente. Cada un dos módulos consta de 25 horas e será recoñecido con 1 ECTS por competencias transversais (lingua) para todas as titulacións. O curso, impartido por medio de teledocencia na plataforma coroporativa Teams, terá lugar ao longo deste segundo cuadrimestre do curso 2021-22 e está aberto a estudantes de calquera dos dous campus.
A redacción científica (módulo 1)
O obxectivo deste módulo consiste en mellorar a competencia escrita e diríxese, sobre todo, ás persoas que se atopan no proceso de redacción dun documento científico: artigo, traballo académico de curso, traballo de fin de grao, traballo de fin de mestrado, proxecto de fin de carreira ou tese de doutoramento. A matrícula neste módulo permanece aberta do 1 ao 4 de febreiro.
Falar en público (módulo 2)
A defensa oral dun traballo científico ou académico, a exposición dun relatorio nun congreso, ou a presentación dun proxecto perante unha administración ou unha empresa conforman algunhas das cuestións a tratar neste módulo. Os estudantes da Universidade, ademais de contar cun nivel axeitado de coñecementos significativos, tamén deben ter desenvolvidas as destrezas relacionadas coa comunicación oral. “Neste sentido, entendemos que na actualidade o mercado laboral esixe un alto dominio das capacidades de comunicación, e que estas son un elemento fundamental para enfrontarse ao ámbito formal e tamén laboral”, apuntan dende Normalización Lingüística. A matrícula neste módulo permanecerá aberta do 1 ao 4 de marzo.
Presentacións dixitais eficientes (módulo 3)
As presentacións son cada vez unha ferramenta máis común na vida do alumnado universitario, “pero por desgraza é frecuente ver pantallas que, nacidas para o apoio ao discurso oral, son atrancos para a transmisión do coñecemento”, sinalan dende Normalización Lingüística. Demasiado texto con letra moi pequena, cores que non se ven, ou transicións efectistas de máis son algunhas das características de moitas das presentacións das aulas universitarias. Con este módulo preténdese que, nun mundo onde priman cada vez máis os recursos visuais, o alumnado universitario saiba onde están as bases para crear presentacións con calidade e para lograr o efecto desexado: transmitir mellor o coñecemento científico. A matrícula neste módulo permanecerá aberta do 19 de marzo ao 1 de abril.