Ir o contido principal

Bota a andar unha nova edición de ‘Explícoche Matemáticas 2.0’

Cartel do certame
Cartel do certame
O certame impulsado dende a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas pretende promover a utilización do galego como medio de transmisión deste eido do coñecemento e estimular a creatividade do alumnado cos medios audiovisuais
Santiago de Compostela

O certame Explícoche Matemáticas 2.0 chega á súa novena edición coa intención de seguir promovendo a utilización do galego como medio de transmisión das matemáticas e estimular a creatividade do alumnado cos medios audiovisuais. O obxecto deste concurso consiste na elaboración de vídeos nos que se aborde un tema relacionado coas matemáticas, ben desde un punto de vista formal —definición dun concepto, un teorema, idea intuitiva e/ou aplicación—, ou ben, cun carácter divulgador, reflectindo como se utilizan as matemáticas na vida cotiá, na cultura, na arte ou na sociedade. Os vídeos deben ter unha duración de entre 1:30 e 2:30 minutos e vehicularse en galego, alén de poder utilizar calquera recurso multimedia, audiovisual ou artístico. O prazo para presentar os vídeos remata o 26 de marzo de 2021.

O certame está aberto á participación de alumnado das universidades públicas de todo o Estado español de todas as titulacións de grao, mestrado e doutoramento, así como alumnado de 3º e 4º da ESO e de bacharelato dos centros de educación secundaria de Galicia e comunidades limítrofes en grupos cun máximo de tres estudantes dirixidos por un profesor ou profesora. Os e as concursantes deberán subir os vídeos a unha canle de Youtube e achegar o URL do vídeo, os datos de contacto, informe e autorizacións ao enderezo electrónico zmatdeca [at] usc.gal (zmatdeca[at]usc[dot]gal).

Galardóns

Hai catro premios. Un para a categoría A —alumnado da ESO e de bacharelato— e dous para a categoría B —graos, por unha banda, e mestrado e doutoramento pola outra—, dotados con 200 euros cada un. E un cuarto premio de 100 euros para o premio mellor valorado polos internautas. O concurso conta co apoio do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade e convócao Facultade de Matemáticas, a través da súa Comisión de Normalización Lingüística.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.02.2021.