Ir o contido principal

Bota a andar o #TEDSaúde 2021

Este certame ten por obxecto estimular o uso da lingua galega na área de ciencias da saúde
Este certame ten por obxecto estimular o uso da lingua galega na área de ciencias da saúde
O certame de subtitulación de vídeos ao galego atópase estruturado en dúas modalidades dirixidas, por unha banda, a membros da comunidade universitaria da USC e, pola outra, á comunidade TED
Lugo, Santiago de Compostela

As comisións de normalización lingüística das facultades de Ciencias, Enfermaría, Farmacia, Medicina, Óptica, Psicoloxía e Veterinaria  da USC, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística, acaban de convocar o VI Concurso de subtitulación de vídeos TED de ciencias da saúde ao galego. Este certame ten por obxecto estimular o uso da lingua galega na área de ciencias da saúde, así como fomentar  a  existencia  de  recursos  divulgativos  neste idioma e en novos soportes na devandita área de coñecemento.

O certame atópase estruturado en dúas seccións. Por unha banda, a modalidade A diríxese a membros da comunidade universitaria da USC que non pertenzan á comunidade TED. As persoas interesadas en participar deberán inscribirse do 15 de setembro ao 1 de outubro de 2021 a través da páxina web do SNL e da Secretaría  Virtual  nun Obradoiro de subtitulación  de  catro  horas  de duración cuxa matrícula é de balde.  

Asemade, deberán rexistrarse  na  plataforma  de  subtitulación  CaptionHub  (na que  se subtitularán os vídeos), antes da celebración do Obradoiro. Finalmente, terán que subtitular ao galego un vídeo TED da área de saúde, seguindo as instrucións que se lles fornecerán no obradoiro, ata o día 15 de novembro. Todas as persoas que participen no obradoiro e entreguen o vídeo traducido e subtitulado nos prazos establecidos recibirán un diploma da USC de asistencia á actividade por catro horas, así como unha constancia da experiencia de tradución e subtitulación. 

Pola súa parte, a modalidade B está dirixida á comunidade TED. As persoas interesadas deberán enviar un correo electrónico a snl.concurso.subtitulacion [at] usc.es (snl[dot]concurso[dot]subtitulacion[at]usc[dot]es) entre o  15  de setembro e o 1 de outubro de 2021, cos seus datos (nome, DNI, teléfono e enderezo postal). Tamén deberán realizar a tradución ao galego e a subtitulación dun vídeo TED da área de ciencias da saúde segundo as instrucións que se lles fornecerán, ata o 15 de novembro de 2021.

Premios

O galardón para participantes alleos á USC correspóndese cun premio de 300 euros e diploma honorífico; mentres que os e as gañadoras da modalidade A, é dicir, pertencentes á comunidade universitaria da institución compostelá, poderán ser recoñecidos cun primeiro premio de 300 euros, un segundo de 250, 200 euros para o terceiro premio e 150 para o cuarto. En todas as categorías de premios farase entrega dun diploma honorífico.   

Cartel do certame
Cartel do certame
Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.09.2021.