Ir o contido principal

Bota a andar na USC o proxecto EMUNDUS 18 de mobilidade internacional

Vinte universidades europeas e americanas asisten dende o luns en Santiago á reunión de lanzamento

A USC reunirá a vindeira semana aos representantes das universidades da República Checa, Bélxica, Francia, Portugal, Italia, Alemaña, Arxentina, Bolivia, Perú e España implicadas no desenvolvemento do proxecto EMUNDUS 18 de mobilidade internacional que coordina a institución compostelá.
O proxecto EMUNDUS18 é unha das tres propostas aprobadas pola Axencia Executiva en materia de Educación, Audiovisual e Cultura para o lote 18 (Arxentina, Bolivia e Perú) que posibilitará 157 mobilidades individuais financiadas pola Comisión Europea con 3.189.775 euros. Do total, 137 axudas destinaranse a beneficiarios de Arxentina, Bolivia e Perú que cursarán estudos en Europa mentres que as restantes dirixiranse a mobilidades cara algunha das universidades sudamericanas do consorcio.
A xuntanza coa que bota a andar esta iniciativa internacional inaugurarase o vindeiro luns 21 ás 15:00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, cun acto de presentación presidido polo vicerreitor de Política Internacional, Agustín Merino, que estará acompañado de Rita Szettele da Axencia Executiva da Comisión. Deseguido, o vicerreitor realizará unha presentación das principais particularidades de EMUNDUS 18 ao que lle seguirán unha presentación xeral das nove universidades europeas implicadas.
Xa o martes 22 será a quenda das institucións latinoamericanas, tres de Arxentina, catro de Bolivia e outras tantas de Perú. O resto da xornada completarase cun seminario para os responsables do desenvolvemento do proxecto no que se detallarán as características técnicas da convocatoria.
Á cabeza en EuropaA concesión á USC deste e doutros dous proxectos máis do programa Erasmus Mundus–External Cooperation Windows con América Latina sitúaa entre as primeiras universidades europeas en mobilidade e cooperación internacional. O financiamento da UE para estes tres proxectos supera os once millóns de euros anuais, que van destinados a bolsas de manutención e desprazamento.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.09.2009.