Ir o contido principal

Botan a andar as actividades do curso 2023-2024 de Estalmat-Galicia

Foto de familia coa nova promoción. FOTO: Santi Alvite
Foto de familia coa nova promoción. FOTO: Santi Alvite
A inauguración desenvólvese este sábado 30 na Facultade de Matemáticas. A promoción número dezaseis está integrada por nove alumnas e 16 alumnos de 12 e 13 anos
Santiago de Compostela

A inauguración do curso 2023-24 do Proxecto ESTALMAT-Galicia, que ten como obxectivo o estímulo do talento matemático, desenvólvese este sábado 30, a partir das 11.00 horas, na Aula Magna da Facultade de Matemáticas. A promoción número dezaseis está integrada por nove alumnas e 16 alumnos de 12 e 13 anos. As actividades de primeiro serán todas presenciais e terán lugar neste centro da USC nas mañás de 20 sábados.

Na sesión de apertura, presidida polo reitor Antonio López, participan autoridades académicas, patrocinadores do proxecto, representantes do ensino medio dos centros seleccionados e membros do equipo docente do proxecto. Logo da sesión, o alumnado acode a un campamento matemático durante a fin de semana no Albergue de Ecoturismo Alvarella-Concello de Vilarmaior na Coruña, “que supón unha toma de contacto entre elas e eles nun ambiente lúdico-matemático”, explica a decana de Matemáticas e presidenta do programa, Elena Vázquez Cendón. Un total de dezaseis alumnos/as veñen da Coruña, unha persoa procede de Lugo, e oito de Pontevedra, representando a dezaseis localidades diferentes de Galicia, sendo un 24% de Santiago de Compostela. 

O acto de apertura do curso conta tamén coa participación da directora científica do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAGA), Rosa Crujeiras, que tamén é docente no programa; a deputada provincial Mar García Vidal, en representación da Deputación da Coruña e das entidades patrocinadoras; e o profesor Andrés Dopazo, docente de matemáticas e ciencias en secundaria no Colexio plurilingüe Nuestra Señora de los Remedios de Santiago de Compostela, en representación dos docentes que animan os estudantes a presentarse ás probas. Tamén asiste a directora de dito centro, Anxos Cánibe Brión. A presentación da promoción realízaa a secretaria do Comité Organizador de ESTALMAT-Galicia, Marina Germiñas Miguéns, pertencente ao IES Aquis Celenis-Caldas De Reis. 

Campamento

“No campamento no que participan despois do acto e no que permanecen ata o domingo 1 de outubro, os e as estudantes manipulan omnipoliedros, constrúen cúpulas de Leonardo, participan nun concurso de fotografía matemática, traballan as unidades didácticas de dous referentes das matemáticas galegas, Domingo Fontán e María Wonenburger, publicadas polo Consello da Cultura Galega e pola Unidade de Muller e Ciencia, respectivamente; e fan un paseo lóxico-matemático pola Torre dos Andrade”, relata a profesora Vázquez Cendón. O alumnado estará acompañado pola nova responsable do Campamento, a profesora Cristina Montero; a responsable de Relación coas Familias, María Trinidad Pérez López (IES Nº 1 de Ordes) e a profesora  Sandra Camiña Codesido (IES Salvaterra de Miño), ademais de Kenya Fernández Upanga, Brais Ares García, e Álvaro Carro Viqueira compoñentes da novena Promoción ESTALMAT-Galicia (2015), actualmente estudantes de cuarto curso do grao en Medicina, de cuarto do grao en Matemáticas e de Enxeñaría Informática e Matemáticas da USC, e un equipo de monitores, que colaborarán nas actividades.

Probas de acceso

Na proba de selección, realizada o pasado mes de xuño, participaron un total de 193 estudantes de toda Galicia, 74 nenas, 119 nenos e dous participantes que se identificaron con outras opcións, representando a 75 localidades diferentes de Galicia. Con data de nacemento en 2010 asistiron 134 e en 2011, 59. O Comité Organizador por terceiro ano decidiu descentralizar a proba en catro cidades, unha por provincia. O estudantado cursaba estudos tanto no ensino público (145) como no privado ou concertado (17). Nos dezaseis aos dende a súa implantación, ESTALMAT-Galicia ten examinado máis de 4.800 estudantes con grande interese polas matemáticas e ten seleccionado a 410, “131 estalmateiras e 270 estalmateiros”, engade Vázquez Cendón. 

Neste curso participarán os 25 estudantes da promoción número dezaseis en primeiro, 29 da decimo quinta promoción en segundo e o curso de ESTALMAT- finalmente estará conformado por 20 estudantes da promoción número catorce. Nomeadamente, esta promoción terá unha sesión novidosa de manexo da calculara científica, doazón de CASIO Educación, que se suma ao patrocinio do programa. A Casio FX-991SP CW que recibe cada novo estudante ten a opción de comunicar en cinco linguas, entre elas o galego. 

O proxecto

O Proxecto ESTALMAT-Galicia está pilotado por membros da Facultade de Matemáticas da USC e de distintos centros de ensino secundario de Galicia, contando con profesorado das tres universidades galegas e do ensino medio. Dispón dun financiamento específico da Consellaría de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia, que tamén facilitan material promocional xunto con CASIO, e as Deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra. Colabora tamén o Centro de Supercomputación de Galicia e o CITMAGA.

O Proxecto ESTALMAT-España botou a andar en 1998 e desenvólvese en distintas comunidades como Madrid, Cataluña, Castela e León, Castela-A Mancha, Andalucía, Canarias, Valencia, Cantabria e Illas Baleares. 
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.09.2023.