Ir o contido principal

Botan a andar os Encontros Virtuais na Zona USC

As sesións estenderanse ata o día 25 deste mes. FOTO: Santi Alvite
As sesións estenderanse ata o día 25 deste mes. FOTO: Santi Alvite
“Loitade polos vosos soños”, afirmou Ángel Carracedo no relatorio inaugural destas sesións en liña que ata o xoves 25 permitirán que o alumnado de Ensimo Medio e Bacharelato se achegue á oferta docente e de servizos da Universidade
Lugo, Santiago de Compostela

“Buscade aquilo polo que teñades ilusión”, así se dirixiu o catedrático da USC, Ángel Carracedo, ao alumnado que asistiu este martes ao acto inaugural dos Encontros Virtuais na Zona USC. O catedrático de Medicina Legal pronunciou o relatorio co que botou a andar esta iniciativa  coa que se pretende achegar ao alumnado de Ensino Medio e Bacharelato as particularidades da Universidade compostelá no relativo á súa oferta docente así como aos seus servizos para a comunidade universitaria.

Carracedo quixo trasladar ao alumnado “unha mensaxe de alegría e ilusión” e explicoulles a importancia de “buscar o lugar adecuado para facer unha vida plena e feliz naquilo que vos guste”. “Loitade polos vosos soños”, afirmou o profesor da USC quen aproveitou a ocasión para contarlles aos mozos e mozas como el se decantou pola Xenética xa que lle parecía “un misterio que tiveramos, cada un de nós, un libro de instrucións dentro”.

Nesta mesma liña se pronunciou o reitor da USC ao salientar a importancia de que “cada quen sexa capaz de decidir a súa ilusión e loitar por ela”. “Dende a Universidade queremos darvos a oportunidade de que as vosas ilusións se fagan realidade”, salientou Antonio López sobre unha iniciativa que, por segundo ano en formato integramente dixital, permitirá que os e as estudantes accedan a cada unha das titulacións e aos servizos da USC, a través de presentacións específicas e vídeos divulgativos, alén de interactuar a través de videoconferencia con profesorado e alumnado de cada un dos graos.

Ao longo de tres días, entre o martes 23 e o xoves 25, o estudantado que se achegue aos Encontros poderá interactuar por videconferencia con responsables de cada titulación así como con alumnado actual do centro para aclarar as posibles dúbidas (os horarios exactos pódense consultar na información de cada grao). Ademais estará dispoñible tamén información sobre os distintos servizos que achega a Universidade de Santiago á súa comunidade, como a oferta cultural, deportiva ou as particularidades do Servizo Universitario de Residencias, entre outros.

De esquerda a dereita e de arriba a abaixo, Jacobo Limeres, vicerreitor de Calidade; María José López Couso, vicerreitora de Titulacións; Víctor Arce, vicerreitor de Estudantes; Celia Besteiro, vicerreitora de Organización Académica; Dulce García Mella, secretaria xeral; Mar Lorenzo, vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos; Ángel Carracedo, catedrático da USC; o reitor Antonio López; e Celso Rodríguez, delegado do reitor para asuntos de Ensino Medio. FOTO: Santi Alvite

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.03.2023.