Botan a andar os primeiros títulos da USC adaptados ao Espazo Europeo de Educación Superior

Os primeiros títulos de Grao da USC, adaptados ao Espazo Europeo de Educación Superior, inauguráronse este luns con dous actos de acollida para o novo alumnado. As benvidas presidíronas en cada Facultade os decanos de Matemáticas, Juan Viaño Rey, e de Ciencias Políticas e Sociais, Nieves Lagares Díez. Ambos destacaron a importancia do traballo diario do estudante en todas as materias.
“Preténdese sacar o máximo rendemento do alumno” fomentando unha maior autonomía na adquisición dos coñecementos, explicou Nieves Lagares no primeiro dos actos no que a decana describiu as características xerais do novo plan de estudos. Ademais, subliñou que o Grao concentra “a maior cantidade de contidos sobre Ciencia Política e Administración” de todas as universidades españolas.
Na mesma reunión participaron o vicedecano do centro Miguel Anxo Bastos, a secretaria María Antonio Arias e dúas alumnas-titoras, Alba Corral e Helena García, responsables de facilitar a adaptación dos estudantes á vida universitaria e orientalos sobre os servizos da USC.
A benvida neste centro continuará o mércores 24, ás 12:30 horas, coa conferencia inaugural do curso académico a cargo do catedrático de Ciencia Política e da Administración, Ramón Máiz, titulada ‘A Ciencia Política hoxe’.
Acto de acollida en MatemáticasO outro acto de acollida contou cos máis de 75 estudantes matriculados no Grao de Matemáticas que recolleron a guía da Facultade e aos que Juan Viaño informou de todas as características do centro e da nova titulación. Así, falou das posibles saídas profesionais, dos estudos que se poden cursar ao finalizar ou sobre o Tratado de Boloña. Tamén asistiron a vicedecana Regina Castroe a profesora responsable das relacións co ensino medio, Carmen Carollo.
A xornada en Matemáticas seguiu cunha sesión informativa sobre o uso da biblioteca e das aulas de informática. Finalmente, o grupo de alumnos-titores fixo un percorrido polo centro cos novos estudantes mostrando as distintas dependencias e explicando o seu funcionamento.
Implantados a partir deste curso académico na Universidade de Santiago, os Graos contarán cunha duración de 4 anos, de formación xeralista, adaptada ás necesidades do mercado laboral e co traballo continuado por parte do alumno. O equipo docente empregarán novos mecanismos de coordinación de tarefas entre as distintas materias, realidade que se revela imprescindible para un mellor seguimento do esforzo do alumnado.