Ir o contido principal

“Brotes como o de E. colli en Alemaña poderían evitarse limitando o uso de antibióticos nas granxas”

“Brotes como o de E. colli en Alemaña poderían evitarse limitando o uso de antibióticos nas granxas”
“Brotes como o de E. colli en Alemaña poderían evitarse limitando o uso de antibióticos nas granxas”
O Nobel de Medicina Richard Roberts intervén este xoves en Conciencia cunha conferencia sobre bacterias

Recoñecendo a dificultade por dar coa orixe de bacterias como a E. Colli que está azoutando Alemaña, o Premio Nobel de Medicina Richard Roberts suxírelle aos granxeiros que limiten o uso de antiobióticos nos seus procedementos. “Empregan pequenas cantidades para mellorar a produtividade dos seus animais, pero así o que conseguen é unha maior resistencia a eses medicamentos”, explicou. Nun encontro con medios de comunicación este mércores na Universidade de Santiago convidado para inaugurar a sexta edición do Programa ConCiencia de divulgación científica, o científico británico descubridor dos intróns apuntou que a loita contra as pandemias só se poderá combater se os países comparten información e deixan de ocultala por medo a ser identificados como a orixe do problema. “Xa é raro que non teñamos máis problemas, as cousas non se están facendo como debería”, afirmou en relación ao incumprimento de determinadas normativas por parte do sector agrario. De todo isto, da proveniencia das bacterias e da súa complexidade e problemática –“a vida non é algo que non teña risco”, dixo- falará este xoves 9, ás 20:00 horas na Aula Sociocultural Novacaixagalicia (Carreira do Conde, 18), na súa conferencia Por que me gustan as bacterias?, aberta ao público en xeral. Na mañá dese día manterá unha xuntanza con investigadores galegos no Centro de Estudos Avanzados. Industria farmacéutica Fóra da súa carreira científica, Roberts é coñecido pola denuncia que fai das farmacéuticas a quen acusa de ralentizar e mesmo frear o desenvolvemento de fármacos. “É un negocio ao que non lle interesa os medicamentos que curen senón os que converten en crónica unha enfermidade”, dixo en Santiago. E sentenciou: “o peor que lles pode pasar é que apareza unha cura para unha enfermidade que eles tratan”. A este respecto lembrou que os novos antibióticos están saíndo ao mercado das pequenas compañías biotecnolóxicas, non das grandes corporacións, “pero desgraciadamente a súa taxa de produción é baixa”. Proporcionar incentivos a esas pequenas industrias podería ser una solución, pero tamén facer un uso eficiente dos antibióticos, especialmente no eido gandeiro, e rachar dalgunha maneira a tendencia que existe na sociedade, “europea, fundamentalmente”, reticente ao uso de organismos xeneticamente modificados. Richard Roberts Richard Roberts (1943, Derby, Inglaterra) estudou Química en Inglaterra, pero foi en Estados Unidos onde desenvolveu a súa actividade docente e investigadora, concretamente en Harvard e no Cold Spring Harbor Laboratory de Nueva York. Desde 1992 dirixe os traballos de investigación do Biolabs Institute, de Beverly, (Massachusetts). Recibiu o Premio Nobel en 1993 xunto con Phillip A. Sharp polo seu descubrimento dos intróns, fragmentos de ADN que están presentes nos xenes pero que non codifican información. O científico descubriu tamén que os xenes poden ser descontinuos, é dicir, que poden estar presentes no ADN en diferentes segmentos ben separados. Ao principio o achado fíxose nun virus típico causante de catarros, o chamado adenovirus, pero pronto viuse que estes intróns son frecuentes en organismos superiores, como o ser humano. O seu descubrimento non foi só de importancia capital como fundamento da moderna bioloxía, senón que o foi tamén para a investigación médica orientada no eido do cancro e outras enfermidades. O catedrático de Medicina Legal da USC, Ángel Carracedo, non dubidou en dicir na rolda de prensa que o achado de Roberts “é dos máis importantes da historia da bioloxía e da medicina”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.06.2011.