Ir o contido principal

Buscan nun encontro en Santiago solucións políticas para as nacións sen estado en Europa

O encontro celébrase no Paraninfo da Universidade. Foto: Servimav-USC
O encontro celébrase no Paraninfo da Universidade. Foto: Servimav-USC
Especialistas internacionais reúnense este martes nunha xornada organizada polo Centro Mauritus Coppieters

O Paraninfo da Universidade, na Facultade de Xeografía e Historia, reúne este martes numerosos especialistas para discutir as posibilidades de solucións constitucionais, territoriais e transfronteirizas para os países e rexións en Europa sen estado e poder facer fronte así aos retos internos e externos nun contexto político cambiante.

A xornada ‘ Nacións sen estado en Europa: Novos retos, novas oportunidades’, que o luns se celebrou na Universidade portuguesa do Minho, está organizada polo Centro Mauritus Coppieters e conta con financiamento do Parlamento Europeo. Colaboran ademais as Universidades de Santiago e Minho, o Centro de Investigación en Ciencias Políticas, Fundación para Ciencia e Tecnoloxía (CICP) e o grupo ANTE de investigación de Análise territorial).

A sesión en Santiago inaugurouse nun acto no que participaron o vicerreitor de Comunicación da USC, Xosé Pereira; o secretario da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (GNPEGTC), Xosé Lago; e o vicepresidente do Centro Mauritus Coppieters, Alan Sandry. A continuación, o secretario xeral da Association of European Border Regions, Martín Guillermo, explicou o estado actual da cooperación territorial e transfronteiriza en Europa.

As nacións sen estado e a paradiplomacia centraron varias intervencións ao longo da xornada a cargo, entre outros, do director do Instituto Von Hugel da Universidade de Cambridge, John Loughlin, ou dos docentes Ramón Máiz e Sandrina Antunes, das Universidades de Santiago de Compostela e Minho, respectivamente. Pola súa banda, a experta da University College de Londres Claire Colomb fixo unha análise da configuración do territorio de Cataluña, Escocia e Flandes e da súa xestión política.

O encontro remata pola tarde cunha mesa sobre ordenación do territorio e cooperación na que participan o responsable de asuntos europeos do Goberno vasco, Mikel Antón; o director xeral para a Ordenación do Espazo do Goberno de Aragón, Joaquín A. Palacín; o director de asuntos exteriores do Goberno de Cataluña, Rafael Giménez-Capdevila; e o responsable de Mobilidade e Cooperación Transfronteiriza da Deputación de Pontevedra, Uxío Benítez.

Claire Colomb fixo unha análise da configuración do territorio de Cataluña, Escocia e Flandes e da súa xestión política. Foto: Servimav-USC

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.04.2016.