Ir o contido principal

Buscan fórmulas máis eficaces para concienciar sobre o cambio climático

Buscan fórmulas máis eficaces para concienciar sobre o cambio climático
Buscan fórmulas máis eficaces para concienciar sobre o cambio climático

Pese a que as ciencias do clima son cada vez máis contundentes na diagnose das alteracións climáticas que se están producindo e na identificación das ameazas para a humanidade, o cambio climático está perdendo relevancia nas axendas públicas occidentais, pasando a un segundo plano nas axendas política e mediática e desvanecéndose na social. Este desfase pon en evidencia as complexas relacións entre o campo da ciencia e o da cultura común, un espazo no que as ciencias sociais poden axudar a comprender as claves dos procesos culturais que acontecen na interfaz entre as representacións científicas e as representacións sociais do cambio climático. É por isto que durante estes xoves e venres se desenvolve na Facultade de Ciencias da Educación (Campus Vida) da USC o Seminario Internacional Resclima I ‘Investigar o Cambio Climático na interface entre a cultura científica e a cultura común’, que busca deseñar propostas educativas e comunicativas máis eficaces para converter o cambio climático nun problema socialmente relevante. O encontro forma parte das iniciativas académicas do Proxecto Resclima, financiado nas convocatorias de I D i do Ministerio de Economía e Competitividade e coordinado polo profesor Pablo Á. Meira Cartea, do Grupo de Investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental (SEPA-Interea) da USC. A finalidade do proxecto é estudar as representacións e percepcións sociais do cambio climático en catro países (Brasil, Portugal, México e España) para valorar a súa relevancia e o papel que xoga a transposición da cultura científica na súa conformación. No seminario participa persoal investigador das universidades asociadas ao proxecto, a Federal de Porto Alegre (Brasil), a Veracruzana (México), a do Minho (Portugal) e varias españolas como a Autónoma de Madrid, A Coruña, Granada e Valladolid. Tamén achegarán a súa experiencia especialistas doutras institucións e organizacións sociais e educativas relevantes na loita contra o cambio climático como o Centro Nacional de Educación Ambiental, a Oficina Española de Cambio Climático, o Proxecto Oceántica ou o colectivo social Véspera de Nada.

Entre as temáticas a tratar destacan as representacións sociais e os discursos sobre o cambio climático, o tratamento nos medios de comunicación e no currículo escolar, a valoración social do risco diante do cambio climático e as barreiras ás respostas políticas e sociais ao problema.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.12.2014.