Ir o contido principal

O bUSCatermos será accesible tamén dende unha aplicación para dispositivos móbiles

A aplicación do bUSCatermos para dispositivos móbiles presentouse este mércores na Reitoría da USC. Foto: Alfonso-Servimav
A aplicación do bUSCatermos para dispositivos móbiles presentouse este mércores na Reitoría da USC. Foto: Alfonso-Servimav
bUSCatermos é o recurso lexicográfico máis amplo existente para a lingua galega

O bUSCatermos dá un paso máis na galaxia dixital e na universalización do seu acceso coa presentación dunha nova aplicación que permite a consulta desta base de datos en liña de terminoloxía técnica multilingüe da USC a través de dispositivos móbiles de Apple. A nova app presentouse ante os medios de comunicación este mércores 17 nun acto no que participaron o reitor Juan Casares; o director de Sixtema, Alejandro Lamas; a secretaria xeral da USC, Lourdes Noya; o director do Servizo de Normalización Lingüística (SNL), Manuel Núñez Singala; e o técnico da Área de Terminoloxía do SNL, Xusto Rodríguez Río. Os terminais iPhone e iPad van ser os primeiros beneficiarios desta aplicación que permite o acceso é unha base de datos que compila información sobre máis de 150.000 conceptos das áreas especializadas máis diversas (ciencias da saúde, dereito, botánica, zooloxía, educación, historia, xeografía…). Para cada un deles recóllense as denominacións máis habituais en galego e –na maioría dos casos–, tamén as empregadas nas linguas do contorno máis inmediato (fundamentalmente, castelán, inglés e portugués). A suma de todas estas formas lingüísticas supera as 450.000, o que converte bUSCatermos no recurso lexicográfico máis amplo existente para a lingua galega. Os contidos do bUSCatermos elaboráronse a partir da compilación, tratamento e reelaboración de dicionarios, glosarios e vocabularios técnicos que teñen o galego entre as súas linguas de traballo, así como das propostas terminolóxicas elaboradas polo SNL para darlle resposta a dúbidas concretas. A base atópase plenamente operativa para aparellos móbiles de modo que a nova aplicación ofrece toda a información que xa era accesible vía web. Ademais, esta é unha iniciativa cunha vertente novidosa xa que é froito da colaboración entre a Taptil –división de Sixtema para aplicacións móbiles, que concibiu e desenvolveu o produto dende o punto de vista informático–, o Servizo de Normalización Lingüística e a ATIC que facilitou o acceso a estes datos. Como se puxo de manifesto na presentación, bUSCatermos constitúe agora “aínda máis, unha ferramenta de indubidable utilidade” para todas as persoas que pretenden empregar o galego como lingua de comunicación en temáticas especializadas, mantendo a calidade e a precisión esenciais para este tipo de comunicación. A súa utilidade é especialmente significativa para docentes das diversas disciplinas, profesionais da mediación lingüística e para os da comunicación.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.04.2013.