Ir o contido principal

O CACTUS de Lugo celebra este martes a súa segunda xornada de portas abertas

Centrada na investigación físico-química e tecnoloxía dos alimentos, están invitados alumnos, profesores e persoal da administración

O novo edificio do Centro de Apoio Científico e Tecnolóxico da USC (CACTUS) celebra este martes, día 13, a súa segunda xornada de portas abertas dentro dos actos da sétima edición da Semana da Ciencia no Campus de Lugo. A súa finalidade é dar a coñecer as grandes infraestruturas de investigación científica instaladas no centro, polo que está dirixida principalmente aos profesores, doutorandos e persoal de administración e servizos.
Durante esta xornada haberá distintos actos de divulgación promovidos polos investigadores, que se celebrarán de 10:00 a 12:00 horas, en horario de mañá, e de 16:00 a 18:00 horas, pola tarde.
A xornada de portas abertas estará centrada na investigación físico-química e de tecnoloxía dos alimentos, con explicacións sobre técnicas de carácter analítico e de resolución estrutural (RMN e infravermellos), calorimetría diferencial, análise elemental, espectrometría de masas directa e acoplada a HPLC, ICP-óptico e ICP-masas.
O CACTUS permite aos distintos grupos de investigación da USC, doutras universidades e tamén de diferentes institucións públicas ou empresas privadas, ter acceso a equipos avanzados e a persoal técnico especializado.
As persoas interesadas en asistir a esta xornada, poden solicitar información e reservar a súa praza dirixíndose ao CITT, a través do teléfono 982 252231 (ext. 22854) ou o correo electrónico cittmmar [at] usc.es (cittmmar[at]usc[dot]es).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.11.2007.