Ir o contido principal

O Cactus de Lugo celebra unha xornada de spin-off universitarias

As spin-off son empresas constituídas por universitarios que transfiren á sociedade os coñecementos dos traballos de investigación

A creación de empresas de base tecnolóxica en universidades e as suas posibles vías de financiamento será o eixo temático central dunhas xornadas de spin-off universitarias que se van celebrar este venres 22, no edicifio Cactus do Campus de Lugo. O encontro, organizado pola Área de Autoemprego da USC, está dirixido a profesores, investigadores, estudantes de 3º ciclo ou calquera persoa interesada.
Os relatorios comezarán ás 11:00 horas na Sala de Xuntas do centro coas explicacións do coordinador técnico do Programa Empresa-Concepto, Roberto Graña Escalante, sobre o ‘Apoio á creación de spin-offs na Universidade. Incidencia da reforma da LOU. O programa Empresa Concepto’. A continuación a técnica de Unirisco Galicia Yolanda Falcón García disertará sobre o financiamento destas sociedades. A xornada remata co testemuño do director da Aula de Produtos Lácteos, Juan Méndez Dónega, quen falará sobre as experiencias de creación de empresas dende este centro lugués.
Spin-offAs spin-offs son empresas que se constitúen a iniciativa dos membros da comunidade universitaria e que aproveitan os coñecementos e as tecnoloxías xeradas nos traballos de investigación realizados na propia universidade. Son, deste xeito, unha das formas de transferencia tecnolóxica e de coñecemento desde a universidade á sociedade.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.06.2007.