O CACTUS de Lugo reúne durante dous días a empresas, técnicos e investigadores en información xeográfica nunha nova edición do GIS Day
Dentro dos actos organizados no Campus de Lugo con motivo da celebración da Semana da Ciencia, o CACTUS acolle este mércores 14 e o xoves unha nova edición do GIS Day, un foro internacional convocado en máis de 80 países para divulgar o papel das tecnoloxías da información xeográfica.
O GIS Day está organizado polo Sistema de Información Territorial (SIT) da Universidade de Santiago e polo Sistema de Información Territorial de Galicia (SITGA) da Xunta de Galicia. O seu preograma comprende, como todos os anos, dúas xornadas de portas abertas, nas que os visitantes poderán coñecer in situ os proxectos que se están a desenvolver e o equipamento do que dipoñen. O SIT é o organismo encargado do apio científico e tecnolóxico aos investigadores da USC e ao resto da sociedade no que atinxe ao manexo de información relacionada co territorio ou cunha compoñente xeoespacial.
Ademais da xornada de portas abertas, o programa inclúe tamén para o mércores, entre as 10:00 e as 14:00 horas, a demostración dunha empresa topográfica sobre a recollida de datos con novas tecnoloxías.
Pola tarde, entre as 16:00 e as 19:00 horas, particulares, empresas e institucións presentarán os seus proxectos e produtos con aplicacións empresariais das tecnoloxías de información xeográfica. Serán pequenas demostracións e explicacións de quince minutos.
Finalmente, o xoves, en horario de 10:00 a 15:00 horas, presentarase a Rede Galega de Investigación en Información Xeográfica, REDIX, unha iniciativa de cooperación entre oito grupos de investigación universitarios e departamentos da Xunta de Galicia para a innovación e o fomento da incorporación destas tecnoloxías e das infraestruturas de datos espaciais na administración local e na empresa.
Así mesmo, durante todo o mércores e o xoves pola mañá permanecerán no centro cinco mesas informativas coa súa oferta de aplicación empresarial.
A finalidade desta celebración é buscar a interacción entre os cidadáns, os usuarios actuais e potenciais desta texnolocía e os desenvolvedores de aplicacións.
A participación nesta xornada é libre e no necesita de inscrición previa. Está aberta a todos os usuarios e entidades relacionadas cos Sistemas de Información Xeográfica, así como a particulares, estudantes ou interesados.