Ir o contido principal

Café con biscoito nunha nova edición do Almorzo Solidario

A recadación obtida destinarase á escola Camilo José Cela do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS)

O Almorzo Solidario alcanza a súa quinta edición recadando fondos que se destinarán á escola Camilo José Cela do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS). Este martes 16, a partir das 9.30 horas, as persoas que se acheguen ao Aulario Novoa Santos do CHUS ou á Facultade de Medicina poderán sumarse a esta causa a través da consumición dun café acompañado de biscoito caseiro. O Almorzo Solidario, unha iniciativa da asociación Estudantes Sen Fronteiras, conta coa colaboración das cafeterías do Complexo Hospitalario e da facultade compostelá así como de diversas panaderías e supermercados da cidade. Estudantes Sen Fronteiras agarda superar nesta ocasión o rexistro da pasada edición, cuxa recadación (2.695 euros) serviu para comprar xoguetes novos para a planta de Pediatría do CHUS. Estudantes Sen Fronteias é unha asociación integrada por estudantes de Medicina da USC constituída en 2008 como unha plataforma formativa estudantil que permitise o desenvolvemento de proxectos no ámbito da medicina humanitaria e de cooperación, tanto no plano local como internacional.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.04.2013.