Caixanova colabora coa USC na remodelación do edificio do Colexio de Fonseca
O edificio do Colexio de Fonseca da Universidade de Santiago vai experimentar nos vindeiros meses unha importante transformación do seu aspecto co desenvolvemento dun plan de reforma integral que contempla diversas obras de mellora e conservación dos seus elementos construtivos. A iniciativa contará co apoio de Caixanova, entidade financeira coa que a USC asinou este mércores, día 4, un convenio de colaboración, nun acto no que interviñeron o reitor da Universidade compostelá, Senén Barro, e o presidente de Caixanova, Julio Fernández Gayoso.
O conxunto de intervencións programadas ata este momento, antes da elaboración do Plan Director, permitirán redefinir e aumentar a capacidade museística deste histórico edificio, que na actualidade dá acubillo a un moi destacado conxunto de actividades culturais e expositivas en dúas salas emprazadas nas zonas de acceso ao edificio así como no seu claustro alto.
O primeiro paso de todo o proceso será a elaboración dun Plan Director do edificio no que se documentarán as distintas obras de mellora e conservación necesarias. Así, en virtude deste convenio acometerase a limpeza e restauración da pedrada de fachadas, a restauración interior do claustro alto, a eliminación do falso treito de táboas de madeira vernizadas e a eliminación de humidades de capilaridade nas plantas baixas e do semisoto. A reparación da cuberta, actuación xa acometida, e a limpeza e restauración de fachadas, xunto coa instalación dun novo acristalamento no claustro baixo e o tratamento xilófago no salón artesoado de madeira da sala de exposicións de planta baixa, completan as obras.
O Colexio de Fonseca é un edificio de natureza singular pola súa historia e polos espazos aos que dá acubillo, como o seu Salón Nobre, o claustro ou a Biblioteca América, única no mundo pola súa especialidade temática. Alonso III de Fonseca, nomeado arcebispo en 1507, deseñou o edificio que hoxe toma o seu nome co obxecto de dotar a Galicia dun centro de estudos superiores a través do que restablecer as ensinanzas das Artes, a Teoloxía e o Dereito.