Ir o contido principal

De Camelle a Laxe e a Serra de Ancares, novas rutas de sendeirismo organizadas pola USC

A Área de Deportes da Universidade de Santiago organiza para as vindeiras fines de semana dúas novas rutas de sendeirismo, unha de Camelle a Laxe e outra pola Serra de Ancares.
A camiñada de 15 quilómetros que transcorre de Camelle a Laxe terá lugar este sábado, día 20, cun desnivel baixo e unha dificultade media. A inscrición deberá formalizarse antes deste mércores 17, cun custe de 15 euros para os membros da comunidade universitaria e ex alumnos da USC e de 20 para o persoal alleo á Universidade.
Pola súa banda, a ruta pola serra de Ancares será de dous días, o sábado 27 e o domingo 28, dispoñendo de prazo ata o día 24 para inscribirse. A primeira xornada discorrerá polo Mustallar, cunha lonxitude de 16 quilómetros e unha dificultade alta ao contar con fortes pendentes. Xa o domingo farase o camiño de 10 quilómetros a Moreira, neste caso cunha dificultade media. O custe será de 30 euros para os universitarios e de 40 para o resto. Para esta saída poden reservar aloxamento no Hotel Piornedo, en Casa Casoa, Casa Roxo ou Cantina Mustallar.
As inscricións deberán formalizarse nas Oficinas da Área de Deportes, emprazadas na Piscina Universitaria; nas extensións telefónicas 15070, 15071, 15072, 15073 ou 15076; ou no e-mail deporsec [at] usc.es (deporsec[at]usc[dot]es).
Bonos de sendeirismoA USC ofrece este curso a posibilidade de mercar un bono para dez rotas, cun custe de 120 euros para universitarios e ex universitarios e de 160 para o resto.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.10.2007.